#Movember | Cancro de próstata e cancro testicular


O vídeo #Movember | Cancro de próstata e cancro testicular foi publicado orixinalmente no canal do Youtube d'As MIR e unha noites en 15 de novembro de 2016.




TRANSCRICIÓN:

Si, xa sei. Estaredes a preguntarvos que fago con bigote, non? Non é que queira facer unha homenaxe a Freddy Mercury. Aínda que a mereza... O que quero é falarvos do Movember.

Movember é unha iniciativa que o que busca é concienciar e recadar fondos para certas doenzas. A xente que o apoia o que fai é deixar o mostacho durante o mes de novembro. E de aí lle vén o nome. Moustache + November = Movember. Enxeñoso, eh? Tendes toda a información sobre esta iniciativa e como apoiala na súa páxina web, movember.com. Pola miña parte o que quero é aproveitar esta circunstancia para falarvos de dúas doenzas que afectan a moita xente: o cancro de prostata e o cancro testicular.

O cancro de próstata é, entre a poboación masculina, o cancro máis frecuente. E é a segunda causa de morte por cancro, só detrás do cancro de pulmón. A verdade é que é pouco frecuente en poboación menor de 45 anos, mais conforme aumenta a idade aumenta tamén a súa incidencia e a idade media de diagnóstico sitúase ao redor dos 70 anos. Á parte da idade, tamén son factores de risco a obesidade e o feito de ter un familiar que sufrise previamente cancro de próstata. E como a xenética e a idade non se poden modificar é importante ter un estilo de vida saudábel manter unha vida activa e unha alimentación equilibrada para minimizar o risco de padecer cancro de próstata no futuro.

Para o cancro de próstata é moi importante o diagnóstico precoce, que se basea en dous piares fundamentais: O primeiro é o PSA, o antíxeno prostático específico, que se mira nunha simple análise de sangue. E o segundo é o tacto rectal.

Tempo morto.

Aquí hai moito machiño que di cousas como: "Ai, eu polo cu, nin o bigote dunha gamba". Vamos ver, meu. Que estamos no século XXI. A homofobia vámola deixando de lado, de acordo?

Pois ben, a verdade é que existe certa controversia sobre se é útil ou non facer un exame sistemático de PSA a toda a poboación de risco. Porque se ben é verdade que aumenta a supervivencia tamén existe un elevado número de falsos positivos. En calquera caso, se tes máis de 45 anos, e especialmente se tes antecedentes de familiares que padecesen cancro de próstata, é importante que fales deste tema coa túa médica de cabeceira.

O cancro testicular, aínda que é moi pouco frecuente na poboación xeral, é o cancro máis frecuente na poboación masculina de entre 15 e 35 anos. O maior factor de risco que ten é a criptorquidia, aínda que xa estea corrixida. É dicir, se cando eras pequeno tiñas un testículo que non che baixaba, aínda que agora teñas todo no seu sitio, tes más risco de padecer cancro testicular que outra persoa. Afortunadamente, é un dos cancros que ten mellor prognóstico.

Detectalo é tan fácil como tocar os collóns. Non, literalmente. A doenza maniféstase como unha masa sólida que non doe localizada no testículo. Entón, é bo acostumarse a apalpar de cando en vez os testículos. Por exemplo, cando esteas na ducha, coa auga quentiña, apalpas un pouco, tocas, miras para ver que notas, e se notas un vulto ou algo que non debera estar aí coméntasllo á médica de cabeceira.

Ei, e xa que estamos a falar de bigotes. Algunha vez pensastes que se Hitler e Cantinflas se bicasen os seus bigotes nunca chegarían a tocarse? É un tema que me ten tolo de todo, eh?