Sobre o sketch de José Mota e o humor ofensivo


O artigo Sobre o sketch de José Mota e o humor ofensivo foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 3 de maio de 2016.




TVE pediu desculpa por este sketch médico logo de que un espectador o cualificase de "denigrante". Si, este sketch que vedes aquí arriba. Adiante, se aínda non o vistes, védeo. Eu espero por vós antes de continuar a escribir.

No sketch, como xa vistes, o doente pide ao médico que sexa 100% sincero, e este dille que ten unha doenza terminal e morrerá nun mes. Despois o doente pídelle só 60% de sinceridade, e finalmente 10%, e o médico vai rebaixando a gravidade da doenza en consecuencia. Apenas unha reflexión humorística acerca da sinceridade e de como a xente ás veces prefire crer na mentira para evitar unha verdade que lle causa malestar. Non hai ningún insulto ou vexación ao doente, non se burla del pola súa condición de doente terminal, nada. Vin o vídeo varias veces, mais non vexo a ofensa por ningún sitio.

Aquí podería botar man do argumento de que existen cousas moito máis ofensivas para os doentes, como os recortes ou a privatización, que é o que realmente lles afecta. Mais non me parece un argumento válido. Que exista un mal maior non quita importancia a ningún feito. Se imos a iso, sempre podemos procurar un mal aínda maior que invalide o outro. Porque que importan os recortes na sanidade se hai xente no mundo a morrer de doenzas que aquí están erradicadas?

Eu quero ir ao centro da cuestión, á ofensa. Onde está a ofensa? Se en vez de meses de vida o sketch falase, non sei, dos cartóns de leite que restan na neveira, sería menos ofensivo? Por que? A ofensa é a mención da doenza terminal? O contexto humorístico en que se fala dela? Porque aquí podemos entrar nun paradoxo. Por exemplo, estaría mal incluír unha persoa en cadeira de rodas nun sketch, porque podería ser ofensivo. No entanto, non incluír unha persoa nun sketch polo feito de usar cadeira de rodas é discriminación.

En fin, a miña opinión sobre o humor é que pode tratar de todo. De absolutamente todo. O obxectivo do humor é, para alén de rir, dar unha perspectiva diferente das cousas. Ironizar sobre un problema pode facer ver o absurdo das nosas accións, pode facer que vexamos que non é tan grave como pensamos, ou pode servir para repararmos cousas que normalmente ignoramos. E, ao final, sempre haberá xente que se ofenda, porque a capacidade de se ofender da xente é infinita, mais iso non debe pararnos. O humor é imprescindíbel, en todos os ámbitos da vida.

Non encontrei a autoría deste cadriño. Se sabes de quen é, dimo nun comentario.