O día que deixei bigote


O artigo O día que deixei bigote foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 23 de maio de 2016.


Se cadra o feito de que xa compartira por aquí varios vídeos meus vos fixo sospeitar algo, mais o caso é que me gusta actuar. E si, facer vídeos parvos no Youtube encántame, mais dei en apuntarme nunha axencia de casting e figuración chamada Binahi, por se podía facer algo máis serio. E efectivamente, chamáronme para facer de figurante nun filme euscaldún chamado Aundiya (working title). Vaia, ser figurante é apenas estar no fondo, desenfocado, a facer vulto. Mais é un comezo, e nunca antes vira como se fai un filme de dentro.

A gravación das escenas en que saio eu é pasadomañá, e hoxe tiña que ir a Loiola (Donostia) facer a proba de vestiario. Como vivo en Irun, a forma máis cómoda de ir é nun tren lixeiro da empresa Euskotren chamado coloquialmente topo, aínda que agora teiman en chamarlle Metro Donostialdea. Deben pensar que así poden dicir que Donostia ten metro, e darlle como máis caché á cidade, mais é absurdo. O topo é o topo e punto. A verdade é que, nomenclatura á parte, funciona moi ben. Cada media hora sae un tren de Hendaia a Donostia e tarda uns 35 minutos en chegar. E o prezo, pagando coa Mugi Txartela (o cartón de transporte de Gipuzkoa), non chega aos 1,50€.

Como non sabía moi ben onde quedaba o sitio onde me citaban, tiven que me axudar do Google Maps. Cando cheguei alá, un edificio isolado e algo ruinoso, ao carón do río Urumea, non daba topado a porta para entrar. Afortunadamente, viña atrás outro figurante que me indicou a entrada. Moi simpático o tipo, dito sexa de pasaxe. Xa dentro, mentres agardabamos, deume unha amena perorata sobre o bo actor que era, os anos de interpretación que fixera e o hijos de puta [sic] que era toda a xente no mundo do cinema español.

Así teño que estar ate o día da rodaxe.
O primeiro que me fixeron alá dentro foi a proba de peiteado e maquillaxe. Avisáranme hai 15 días de que non cortara o cabelo nin a barba, mais parece que á peiteadora non lle convenceu moito a densidade do meu pelo facial, e decidiu quitarme a barba. Vaia, non toda, porque me deixou un frondoso bigote que seica vai moi ben co aspecto de época do filme. Despois pasei á roupa, e logo de moito probar e duns cantos minutos a agardar en calzóns entre proba e proba de roupa, xa estaba. Quero destacar aquí os meus calzóns coloridos, que mereceron a seguinte mención da encargada de vestiario: "Joder, es que mira este con estos gayumbos tan llamativos probándose ropa vieja, ¡parece un loco!"

Unha hora despois, xa estaba todo listo e saín de alí. Volvín á estación do topo de Loiola e... piii! O saldo da txartela era insuficiente. Normalmente existe un saldo de cortesía se non tes suficiente para unha viaxe, mais desta vez non debín chegar ao mínimo e non me deixaba pasar. Fun coller o billete á máquina expendedora de billetes. Sen desconto valía 2,45€. Na miña carteira había 2,15€. "Non pasa nada" pensei, "pago co cartón de crédito". Erro, non sei por que esa máquina só deixaba pagar en efectivo, a pesar de ter oco para o cartón do banco.

Decidín ir dando un paseo a Amara, a seguinte estación de topo, para ver se alí podía pagar co cartón, ou se encontraba un caixeiro polo camiño. Como non sabía ben por onde ir, fun mirando no Google Maps no móbil. E sufrín un polstergeist. O wifi, de súpeto, conectouse só a unha rede. No medio da rúa. Sen eu lle tocar nada nin ter configurada rede donostiarra ningunha. E con boa conexión, ollo, que os mapas cargaban que daba xenio velo. Por un momento tiven medo. E se é un hacker que fixo unha rede falsa para acceder ao meu dispositivo? E se hai alguén tentando facer unha ponte na miña conexión para sacarme os contrasinais e secuestrarme as contas? E se... Ah, non, nada. Era a rede Eduroam, un servizo de varias universidades europeas para facilitar a mobilidade de estudantes, de maneira que co conta dunha universidade podes acceder ao wifi de outras. E eu claro, aínda o tiña configurado de cando estaba na USC, e xusto debín pasar ao lado dalgún edificio da EHU/UPV e conectouse. Falsa alarma.

Cheguei á estación de topo de Amara e... chan, chan... tampouco se podía pagar con cartón de crédito os billetes nas máquinas. Igual que nas de Loiola, a rañura para cartón de crédito estaba alá, pero na pantalliña un aviso dicía que só era posíbel pagar en efectivo. Mirei para a xanela de información da estación, e non había ninguén alá. Mirei ao redor, e non había caixeiro do banco ningún por perto. Non sabía o que facer. Entón, volvín a mirar o diñeiro que tiña na carteira, 2,15€. Mirei a conciencia, como o policía corrupto dos filmes que tortura un preso para que confese un crime que non cometeu. Mais a carteira resultou ser implacábel. Non houbo maneira. Continuaba a haber só 2,15€. Aínda me faltaban 30 céntimos.

Entón unha idea comezou a fervellarme nos miolos. E se pido os 30 céntimos a algunha boa persoa? Só de pensalo entroume a vergoña. O de pedir diñeiro para o billete soa a escusa barata de ionqui que necesita cartos para droga, e eu co bigotazo que levaba daba a impresión de que metía raias a dúas fosas nasais. "Boh, iso son imaxinacións miñas, ninguén vai pensar iso" díxenme para tentar convencerme. Armeime de valor e fun directo a unha rapariga, cos meus 2,15€ na palma da man e cara de coitadiño. Pedinlle entón 30 céntimos para o billete, explicándolle que quedara sen saldo e que non tiña suficiente en metálico, e desexando moi forte que non me tomase por ionqui. Cando acabei de falar, houbo un silencio. Uns segundos eternos onde ela, con mirada inquisitiva, analizaba a situación. Sen dicir palabra abriu o seu moedeiro, remexeu nas moedas, deume unha de 50 céntimos como quen bota migallos de pan ás pombas no parque, deu media volta e marchou. Non sei que é o que pensaría de min, mais por fin puiden comprar o billete e regresar a Irun, onde os meus amigos estaban a agardar por min na parada para rirse do meu bigote.