Que vén sendo a homeopatía?


O vídeo Que vén sendo a homeopatía? foi publicado orixinalmente no canal do Youtube d'As MIR e unha noites en 12 de abril de 2016.




TRANSCRICIÓN:

Todo o mundo ouviu falar da homeopatía ou ten un cuñado que lla recomendou porque a el lle vai moi ben ou simplemente viu que puña «homeopatía» nunha farmacia. O caso é... alguén sabe o que realmente é a homeopatía? Eu é que son un rapaz moi guiadiño, entón decidín facer caso daquel anuncio que di que «en caso de dúbida consulte co farmaceutico». Así que me acheguei a unha farmacia e preguntei. E aquí vos traio o vídeo, pois, ben picadiño, picadiño en doses infinitesimais para que poidades velo.

—Claro, é que non entendo moi ben como funciona o tema da homeopatía...
—Utilizan o que che provoca o mal en doses infinitesimais. Isto é, se a ti a picada dun insecto, o seu veleno, che provoca esa inflamación, esa roncha, utilizan ese veleno a doses infinitesimais para che curar esa patoloxía. É ao revés da medicina tradicional.

Ei, espera un momento! Dose infinitesimal. Iso é coller unha substancia e diluíla en moita cantidade de auga e supostamente fai o efecto contrario ao que facía ao principio. Xa sei, vamos facer a proba aquí mesmo e ver que nos sae.

Xa temos aquí as cousas. Collín café. O café supostamente quita o sono. Entón, ao facer un remedio homeopático con café o que conseguiriamos sería un somnífero. Neste caso teño unhas xerras do Hellfest, pero valerían xerras do Resurrection Fest ou do Festival de Ortigueira. Ou de calquera outro festival, vaia. Ou basicamente calquera outro recipiente dun litro.

Entón, collemos 10 g de café. Aproximadamente, pois, unha culleriña de café. E botámolos en 1 L de auga. E remexemos moi forte, moi forte... A poder ser, sen salpicarnos como me acaba de pasar agora. E remexemos moito, moito... E temos un líquido que ten cor de mexo, pero é café diluído. Que facemos agora? Collemos 10 g desta disolución e diluímolos noutro litro de auga. E remexemos, remexemos... Con moita potencia, porque é unha parte fundamental do proceso. Moito, moito... E repetimos este proceso nove, doce ou até trinta veces. E ese é o número que aparece nas caixas dos remedios homeopáticos coa letriña «c». Ou sexa, 12c sería facer isto mesmo doce veces.

Para que vos fagades unha idea da cantidade, facendo isto doce veces equivale a ter unha pisquiña de sal en todo o conxunto do oceano Atlántico. E unha disolución de 30c equivalería a ter un gramo de sal en todo o universo observábel. Ou sexa, que nunha pastilla de remedio homeopático substancia non hai ningunha.

—E funciona... mais como é que o cura en vez de provocalo? Non o entendo.
—Aí se trata a homeopatía. Porque é a doses infinitesimais. Entón o sistema inmunitario cúraa. É que non es médico nin eu tampouco, entón, nin científico, entón vaia... A homeopatía está niso.

Pois... non. Non explicaron un carallo. Entre as «explicacións» que temos para a homeopatía hai basicamente dúas. A primeira fala da «enerxía vital». Iso non era de Dragon Ball? Tanto ten. A «enerxía vital» o que nos fala é que ao remexer moi forte, moi forte... O que conseguimos é que a substancia que está aquí diluída solte a súa «enerxía vital» e provoque o efecto contrario. E a segunda das explicacións fálanos da «memoria da auga». Porque a auga, como un pen drive, ten memoria. Entón lémbrase daquela substancia que tiña diluída, e aínda que non haxa nin unha soa molécula, polos seus recordos, é capaz de facer o efecto contrario. O que é curioso é que é unha memoria bastante selectiva, porque neste caso lembraríase do café que levaba dentro, pero non da merda de cando esta auga estaba nun retrete.

—Tu, en calquera caso, recoméndala ou non, a homeopatía?
—Si, a min por exemplo para previr unha gripe, ou mesmo... Por exemplo, hai un medicamento que é o Oscillococcinum que vai moi ben, por exemplo, para previla. Chámanlle a vacina homeopática. Iso vai moi ben para previla. E a xente que o toma, por exemplo, xente que ten moita tendencia a ter catarros, gripes e tal, se cadra tómao a partir de setembro.
—Vacina? Mais é de inx...?
—Non, non, chámanlle a vacina homeopática.
—De acordo.
—Entón, toman unha por semana como preventivo. E funciona ben. Como preventivo. Hai xente que no inverno, pois, toma un á semana e non apaña gripes. Ten menos posibilidades de apañar unha gripe.

Si, e hai xente que cada noite antes de durmir fai unha pera e é moi intelixente. O que non quere dicir que masturbarse moi forte protexa contra a estupidez.

—Mais está demostrado que funciona?
—Está, porque hai estudos clínicos que o avalan.
—Claro, mais... e a verdade científica cal é? Que si ou que non?
—Que si.
—Que si? Ou sexa, está demostrado que si.
—Si.
—De acordo.
—Hai estudos clínicos que o demostran.
—Mais... como están contra se funciona? Quero dicir, se está demostrado cientificamente. Non o entendo.
—Xa. Pois porque non se meten a estudalo, porque están contra. O mesmo que os que son naturistas están contra a medicina tradicional, a alopática.
—Mais... cal é o argumento que dan?
—Pois terías que falar con eles.
—Non, non, é...
—Non, non, non sei.
—É que se funciona, por que din que non? É que non entendo. Se funciona...
—Pois porque non se molestaron en ler, ou en informarse, ou en estudalo.

Non. Existe unha metaanálise dos estudos con maior nivel de evidencia feita por Coc... Cocrein... Coquein... Cocrán... Cocrán? Cocran... [Cochrane] Vaia... déixovos a ligazón abaixo. Esta metaanálise o que conclúe é que os remedios homeopáticos son non superiores ao placebo. No entanto, do outro lado non existe ningunha revisión sistemática ben feita
que diga que a homeopatía é superior ao placebo. Entón, non, non funciona.

E non sei vós, pero eu a vender a prezos elevados unha substancia que non funciona só para que as farmaceuticas se enriquezan chámolle ESTAFA.

Entón, despois de diluílo doce veces, temos aquí un potente somnífero homeopático rico, rico, e con fundamento. E como son un temerario, vou probalo. Saúde!

NOTA: Ah! O artigo da Cochrane ao que fago referencia no vídeo é «Homeopathy: what does the “best” evidence tell us?».