A historia dun fracaso


O artigo A historia dun fracaso foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 13 de marzo de 2016.


«O sentido da vida é ir durmir coa esperanza de que mañá sexa un día mellor» Peanuts

Cando comecei este blogue, 3 de xullo de 2013, a miña idea era presentarme a ese MIR, á convocatoria de 2014. Non puido ser. No día 77(si, antes nomeaba as publicacións por días) daba conta da historia dunha derrota. Suspendera a Médica 3 e a Derma na convocatoria de setembro. Tiña que agardar outro ano. Era o segundo ano perdido, logo de que no meu cuarto ano de Medicina non conseguira pasar de ciclo e tivera que facer un ano-vasoira para recuperar as de atrás.

Un ano despois, 3 de xullo de 2014, estaba cheo de optimismo. Na convocatoria de xuño aprobara a Médica 3, e aínda que o de Derma estaba suspenso aínda estabamos á espera da resolución dunha reclamación. Finalmente, despois dun culebrón, a Derma estaba suspensa, mais aínda tiña a convocatoria de setembro. Moi mal terían que darse as cousas para que non puidese ir ao MIR 2015. Mais como din os anglófonos, shit happens, e en setembro happened unha shit de proporcións épicas. Suspendéronme a Derma cun 4,8. Dúas décimas e uns profesores resentidos fixeron que tivese que perder máis outro ano.

Pouco despois tomei a decisión de mudar de plano de estudos e pasar ao grao, como contaba no día 477. Facendo iso, recoñecíanme a Derma, mais en troca tiña que facer a ACOE e o TFGM. A pesar de moitos (moitos) problemas do TFGM, incluídos mudanza de titor e varias reformulacións do traballo, todo foi ben. No día 9 de maio fixen (e aprobei) a ACOE, e 25 de xuño de 2015 presentei o TFGM, co cal acababa oficialmente Medicina. Tardei 9 anos en facer unha carreira universitaria de 6 anos. Non é unha marca demasiado boa, mais tanto tiña, porque por fin ía poder ir ao MIR na convocatoria de 2016.

6 de febreiro de 2016, o día do MIR. Despois de meses de estudo, de soidade, de pasalo mal, de tirar dos pelos e angustiarme moito máis do que me gustaría admitir, por fin todo ía acabar. O exame fora raro e non estaba eu moi confiante, a verdade, mais á vista dos resultados dos meus simulacros do MIR, por mal que me saíse, contaba con ter polo menos unha praciña de medicina de familia.

A estas alturas da publicación supoño que xa sabedes que é o que estou a dicir. Non cheguei á nota de corte do MIR. Quedei a nada, raiándoa, e se chegan a anular dúas preguntas máis dábaa superado. Mais este ano, alén de ser un exame raro, foi das convocatorias en que menos preguntas anularon dos últimos tempos. A vida é dura.

Toca perder outro ano, pasar pola odisea de preparar o MIR de novo e tentar conseguir unha praza. O 2017 queda lonxe e os fracasos acumúlanse na miña biografía. Non sei, agora vexo as cousas bastante negras, mais cando a vida te tira ao chan o único que podes facer é erguerte e continuar adiante.

P.S: Hoxe é o día 985 do blogue. Dentro de pouco As MIR e unha noites chegará ás mil e unha noites. E eu continúo a vivir nun eterno Día da Marmota.