SERGAS, magóasme nos ollos (III)


O artigo SERGAS, magóasme nos ollos (III) foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 7 de xaneiro de 2016.


Xa hai un tempiño das dúas primeiras entregas do SERGAS, magóasme nos ollos (ver parte 1 - ver parte 2), mais parece que non tivo demasiado efecto, xa que continúan a aparecer erros lingüísticos por todas as partes. Á vista disto, vamos continuar con esta terceira entrega, para ver se dunha vez os organismos públicos toman consciencia e comezan a usar o galego correctamente.

Campaña da Plataforma SinDOLOR (Fonte: Feísmo lingüístico)

EVA son as siglas de Escala Visual Analóxica, que é precisamente o sistema de medición da dor que se está a promover na campaña. Entón, o xogo de palabras entre EVA e o verbo castelán evaluar faise difícil de adaptar na tradución galega, é certo. Mais... EVAlúalo? De verdade? Parécevos que deixar a palabra en castelán puro, co seu pronome enclítico e todo, ten algún xeito? Así pensando rápido podían ter posto algo do tipo "Ningunha dor é irrelEVAnte". Non sei, calquera cousa antes do que iso.

(Fonte: Feísmo lingüístico)

Esta foto está cheíña, cheíña. O primeiro que dana a vista é ese solo. Non parece que estean a falar de solo edificábel, dun solo de guitarra ou de Han Solo, de modo que supoño que quererían escribir . Despois, na penúltima liña, temos esa dolor que, se ben é aceptado pola RAG, a min dáme dor nos ollos. Tamén aparece, por duplicado, a palabra ciruxia, que en galego é cirurxía. E por último, mais non menos importante, cómpre lembrar que as maiúsculas tamén se acentúan. Sempre. Sen excepción. Por tanto, traumatoloxía, reumatoloxía e nefroloxía. Acertaron co acento en rehabilitación, iso si. Minipunto para eles.


Equipamento antiébola repartido en Ferrol (Fonte: As MIR e unha noites)

O de comer acentos parece a marca da casa no SERGAS. Ningunha das veces que aparece a palabra contén, nin en maiúsculas nin en minúsculas, se lembraron de pórlle o acento. Alén diso, hai dous castelanismos bastante obvios mascarilla e gafas, que en galego son máscara e lentes respectivamente. E quizá xa sexa TOC meu, mais ese espazo entre a palabra contén e os dous puntos dáme moita rabia.


Panel informativo do SERGAS (Fonte: Feísmo lingüístico)

No castelán o pronome reflexivo pode ter valor de complemento indirecto, como pode verse en frases como Me rompí un brazo, ¡Cállate la boca! o Se quitó la ropa. No galego, porén, non acontece o mesmo, e dicimos simplemente Rompín un brazo, Cala a boca! ou Quitou a roupa. O problema vén cando a xente pensa as frases en castelán e despois as traduce palabra por palabra ao galego, sen decatarse de que son linguas diferentes que usan estuturas diferentes. E deste modo temos monstros como ese quitárseas, cando o correcto é o simple e elegante quitalas.

Nota: Se o pensades, ese pronome reflexivo castelán é bastante redundante, e salvo nalgúns casos illados que poidan ser ambiguos non dá información adicional. O castelán é moito diso, tamén redunda bastante cos posesivos, tipo Ahí viene María con su hijo, que nós en galego diriamos Aí vén María co fillo.


Hospital de Ourense (Fonte: Anónimo para As MIR e unha noites)

Se na primeira parte do SERGAS, magóasme nos ollos viamos a sala de iesos do Hospital da Coruña, desta volta comprobamos que o Hospital de Ourense non ten nada que envexarlle. Tan difícil é dicir xeso?


PAC de Xinzo de Limia (Fonte: Alberto FM para As MIR e unha noites)
Por último, a xoia da coroa, ese hiperenxebrismo que nos persegue desde o momento mesmo de entrar na universidade. DISE MEDICINA, C*****O!

Nota: Poño carallo con asteriscos porque a palabra carallo é malsoante, e existe xente que se pode ofender por ver escrito carallo. Á parte, a miña avó sempre dixo que é moi feo que unha rapariga ande todo o día co carallo na boca. E se ben eu son rapaz, supoño que tamén será feo que ande co carallo na boca. Ou vaia, co carallo nas mans, que non estou a falar, senón a escribir.