Animorphs


O artigo Animorphs foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 6 de decembro de 2015.


Foto de todocolección.net, que os meus libros
téñoos todos na casa da miña nai.
Cando era pequeno, alá polos finais da década dos 90, era moi seguidor dunha saga de libros chamada Animorphs. Aproximadamente cada mes saía un libro novo, continuando a historia, e eu ía á libraría Prisma de Vigo compralo. As dependentas da tenda xa me coñecían, e cando me vían entrar xa dicían "Non, aínda non chegou o novo libro". E eu volvía ao día seguinte. E ao seguinte. Até que nun estante ao fondo, que eu xa tiña memorizado, estaba o novo libro. Mais o tempo pasou e, non sei ben por que, non puiden encontrar un dos libros. Nin o seguinte. E perdín o fío. E chegados ao número 25, Ediciones B decidiu directamente deixar de editalos. Supoño que non irían moi ben de vendas. E deste modo, nunca souben se Jake, Rachel, Marco, Cassie, Tobias e Ax conseguiran deter a invasión dos Yeerks.

E os anos pasaron. E a tecnoloxía avanzou. E en decembro de 2011 comprei un Kindle, o lector de libros electrónicos de Amazon. E pensei, por que non ver como acaba a saga?

O problema é que non existe a colección completa traducida. En portugués só foron traducidos os até o 8 en Portugal (onde chaman João a Jake!) e até o 14 no Brasil, sen nada en formato dixital. En castelán foron traducidos oficialmente os 25 primeiros, e algún máis existe cunha tradución feita por fans. E en formato dixital non están, están dispoñíbeis na web Asterisco.Asterisco, onde ían publicando os capítulos dos libros aos poucos, como se fosen artigos dun blogue. Entón tería que lelos no computador ou pasalos eu a formato ebook copiando cada capítulo e convertendo os libros. Á vista disto, desistín.

Porén, un par de anos despois, topei de casualidade a colección completa en ePub en inglés. Si, por descarga ilegal, porque non existe doutro xeito. Eu adoraría ter a colección completa nos estantes da miña casa, ou mesmo baixar os libros electrónicos a un prezo razoábel, mais hoxe en día aínda non se pode. O caso é que entón, alá por comezos de 2013, decidín facer o que nunca fixera e atrevinme a ler un libro enteiro en inglés.

E lin o primeiro. E o segundo. E o terceiro. E así aos poucos, con épocas de ler moito e épocas de non ler nada, fun avanzando nos libros. E así continuei cos 54 libros da saga, os 4 Megamorphs (aventuras especiais que gardan continuidade mais sen avanzar na trama) e os 4 Chronicles (que expanden a historia por tras de varias personaxes secundarias).

Xa sei o que estades a pensar "Si, Jon, moi interesante todo, mais por que nos estás a contar todo isto?". En primeiro lugar, porque o blogue é meu e falo do que quero, malditos impertinentes. Mais principalmente cóntovos todo isto porque onte, a iso das 6 da mañá, acabei de ler o derradeiro dos libros. Ía ler só uns capítulos antes de durmir, mais enganchoume tanto o desenlace que acabei léndoo todo de golpe. E por fin, máis de 15 anos despois, sei como termina a historia. E nunca me sentira tan cheo e tan baleiro ao mesmo tempo. A fin de contas, coñezo esas personaxes desde hai máis tempo e con máis profundidade que a maioría dos meus amigos.

Non vos vou recomendar que os leades, porque son moitos libros, difíciles de conseguir e para ler moitos deles é obrigatorio recorrer á versión en inglés. Porén, se algún día hai unha reedición dos libros (un saúdo para Através, Galaxia, Xerais e o resto de editoriais galegas!) ou se Universal finalmente fai o filme que se está a rumorear, dádelle unha oportunidade. Tendes na Wikipedia un resumo bastante bo da trama, por se queredes saber máis, xa que en todo artigo non falei do argumento (erro meu, perdoade!).

P.S: Como alguén se atreva a mencionar a infame serie de televisión, que aquí foi emitida por Antena 3 no Club Megatrix, métolle un calcetín suado na boca. De verdade, esa serie tiña unha calidade pésima. E o mesmo vale para todos os videoxogos dos Animorphs que hai. Como pode ser que duns libros tan xeniais non desen feito ningún produto audiovisual que non metese noxo?

P.S.2: Non podo escribir este artigo e non mencionar o meu amigo Juan Antonio, o único outro neno de todo Vigo que lía os Animorphs coma min. Cantas tardes teremos pasado xuntos falando de Andalitas, Yeerks e Hork-Bajirs!