Corpo afroitado


O artigo Corpo afroitado foi publicado orixinalmente no número 34 de Auriensis, a revista do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, en novembro de 2015. Posteriormente, foi publicado n'As MIR e unha noites en 21 de decembro de 2015.


Foto do artigo na propia revista, para que vexades que é certo, xente desconfiada!

A anatomía humana está chea de palabras que usamos decote, con total normalidade, sen cuestionar o seu significado. Por exemplo, todo o mundo sabe o que é a pelve, ese conxunto de ósos que meneamos freneticamente na discoteca con interese lúbrico. O que non é tan sabido é que ten ese nome porque pelvis, en latín, é un tipo de vaso ou cunca pouco profunda que usaban na antiga Roma.

É bastante curioso que a orixe de moitas desas palabras teña que ver con froitas, froitos e outros vexetais. E non, non me refiro a chamar nabo ao pene, refírome a termos moi enraizados que usamos sen coñecer a súa afroitada etimoloxía.

A palabra fígado, por exemplo, vén de figo. En latín o órgano chamábase iecur, mais en Roma tiñan o costume de cebar con figos os animais, especialmente os patos, para comerlles despois o fígado. Estes fígados cebados con figos eran chamados iecur ficatum, e a xente asociou o ficatum com o órgano, e non o proceso de cebado. E de aí evoluíu para o noso fígado.

As amígdalas, tanto ten que estean na gorxa ou no encéfalo, chámanse así porque teñen forma de améndoa. E é que en grego antigo, amygdale (ἀμυγδάλη) significa precisamente améndoa. Os pómulos da cara, redondeadiños eles, chámanse así porque parecen de pequenas mazás. En latín pomum significa mazá ou froita en xeral, e pomulum é o seu diminutivo (mazanciña ou froitiña). Máis transparentes son os nomes do nó da gorxa, chamado coloquialmente noz ou mazá de Adán.

O caso da vaxina é interesante. En latín vagina significa estoxo ou vaíña, como o envoltorio das sementes dalgunhas plantas (pensade nos feixóns verdes) ou a funda onde os guerreiros envaiñaban a espada. Nada especial, mais do latín vagina tamén deriva o nome dunha froita, que se ben é pouco coñecida como froita, é moi coñecida como aroma ou sabor: a vainilla.

E aínda que non sexa unha froita en si, o certo é que as froitas levan dentro a semente que dará lugar a unha nova árbore. E o líquido que contén os espermatozoides, o seme, ten o seu nome polo latín semen, que precisamente significa semente. O outro nome que recibe o mesmo líquido, esperma, procede co grego sperma (σπέρμα), que tamén significa semente. O que non me encaixa é que óvulo veña do latín ovulum, diminutivo de ovum, ovo. Por moito que poñas sementes nun ovo iso non vai xerminar, terás que pólas na terra. Aí a metáfora non lles quedou tan ben. Mais ei, quen somos nós para andar a cuestionar a xente que leva milenios morta? Xa bastante fixeron para os medios que tiñan!