Regreso ao futuro e o ano 2015


O artigo Regreso ao futuro e o ano 2015 foi publicado orixinalmente no meu perfil do Facebook en 21 de outubro de 2015.



Vamos ver, fato de ignorantes. Claro que o presente en que vivimos non é como o futuro que se viu en Regreso ao futuro II. É moi sinxelo de entender.

Marty McFly vive en 1985. Ao comezo de Regreso ao futuro II viaxa a 2015 e ve un futuro determinado. Nese futuro hai skates voadores, coches voadores, tenis que se atan sós, chaquetas que secan soas e moitas cousas guais. E nese futuro tamén resulta que Marty é un fracasado por culpa dun accidente de coche que tivo por botar unha carreira.

O caso é que o filme avanza, acontecen cousas, wibbly-wobbly timey-wimey, e chegamos ao final de Regreso ao futuro III, de novo en 1985. Resulta que finalmente ao Marty lle entra o siso, non bota a carreira e non ten o accidente. Por tanto, o futuro é alterado a partir dese punto. E, por se non tivésedes probas abondo, ao final Jennifer pregunta a Doc por que un papel escrito que trouxo de 2015 está en branco, e Doc dille aquilo de "O voso futuro aínda non foi escrito, como o de ninguén. O voso futuro será o que vós construades. Facede que sexa bo."

Ou sexa, ese 2015 só era un posíbel futuro, e ao alterar as cousas en 1985 ese futuro xa non pode ter lugar. E de entre todos os outros posíbeis futuros, o noso 2015 encaixa perfectamente no filme.

DEIXADE DE CHOROMICAR, MEXERICAS!