A vacina homeopática


O artigo A vacina homeopática foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 29 de outubro de 2015.



Ai, este tweet ten tantos matices...

O primeiro é o concepto de "vacina homeopática". A homeopatía consiste en diluír moitas veces unha substancia que provoque unha doenza, porque disque dese xeito se obtén o efecto contrario ao da substancia inicial. Tendo en conta que o único que provoca a gripe é, vaia, o virus da gripe, o lóxico sería que diluísen virus activos da gripe, ou? Pois non, o que dilúen é a vacina da gripe, composta por virus inactivos. Espera un segundo, baseándonos nos principios da homeopatía, ao diluír a unha substancia que evita a gripe teriamos como resultado un produto... que causa a gripe?

Despois encántame o aviso de que non leva lactosa. Moi ben aí, non vaia ser que algunha persoa intolerante á lactosa teña que escoller entre non homeopatovacinarse e ter a gripe, ou homeopatovacinarse e andar a peidar por aí. Aínda que xa postos podían ter ido máis alén e dicir que tampouco leva glute, para acalmar as persoas celíacas. E que non leva derivados de animais, para que a consuma o colectivo vegano. Mais vaia, se comezan a nomear todo o que non leva non acaban, porque como di a propia imaxe...

...é 100% sacarosa. Si, non o ocultan, non ten máis nada que sacarosa, o que vén sendo o azucre común de toda a vida. E eu que queredes que vos diga, no Eroski teñen o kg de azucre branco a 0,83€, e xa me parece caro.

Por último, unha pregunta para a reflexión: Que opinarán das vacinas homeopáticas os grupos antivacinas?