Oferta de prazas do MIR 2016 en Galiza


O artigo Oferta de prazas do MIR 2016 en Galiza foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 29 de setembro de 2015.


Como saberedes, xa saíu hai case 15 días no BOE a convocatoria do MIR 2016. Entre outras cousas, nesa convocatoria veñen cantas e cales son as prazas que se ofrecen este ano, e pareceume interesante facer unha pequena táboa para que teñades eses datos á man. Mais como os datos a nivel do estado xa están explicados e ben esmiuzados no blogue MIRentrelazados, aquí ímonos centrar nas prazas a nivel galego.

Das 6098 prazas que este ano foron convocadas no conxunto do estado, 305 son en Galiza, sen que exista cupo autonómico. Isto é, todas as prazas ofrecidas poden ser escollidas. Para comparar, na última convocatoria as prazas a nivel de estado foran 5956 (142 prazas menos que na actual) e a nivel galego foran 303 (2 menos). Algo gañamos, mais non é grande cousa.

A seguir vai a táboa. Para entendela, sabede que o número que aparece é o número de prazas que se ofrecen desa especialidade nesa área sanitaria, mentres que o número que aparece entre parénteses é a diferenza co ano pasado (se aumentaron ou diminuíron as prazas). Canto ás cores das celas, vermello indica que este ano hai menos prazas, verde indica que este ano hai máis prazas e negro indica que na convocatoria anterior había prazas desa especialidade, mais que no actual xa non hai ningunha. Cando está en branco, é que non variou a respecto do ano pasado. E as raias é que nin o ano pasado nin este houbo prazas, creo que iso é obvio. Entendido? Pois alá vai.


O asterisco (*) que hai nas prazas de Medicina Familiar e Comunitaria en Pontevedra é porque 4 desas prazas corresponden ao hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa. O asterisco (*) que hai nas prazas de Medicina Preventiva na Coruña é porque realmente unha delas é en Santiago de Compostela, outra en Ourense e as dúas restantes na Coruña, mais a efectos administrativos dependen todas da Coruña.

Se queres ver de primeira man os datos da fonte de onde os tirei, están dispoñíbeis na web do Ministerio da Sanidade. Ten menús e filtros que fan fácil ver as prazas, a verdade é que non é do peor que teño visto en webs da administración.

E, por último, se queres ver como foi a adxudicación de prazas na última convocatoria, para facerte unha idea do que pode acontecer nesta, podes encontrar unha táboa neste mesmo blogue. Tendo en conta se aumentou ou diminuíu o número de prazas, e o número con que se adxudicou a praza no ano pasado, podes facer os teus propios baralles sobre como vai quedar este ano. Xoga coas prazas do MIR! É fácil e divertido!