Consellos á xente que comeza Medicina


O artigo Consellos á xente que comeza Medicina foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 8 de setembro de 2015.


Seguramente sexades estudantes que acabades de comezar Medicina e estaredes a ler isto coa esperanza de encontrar unha axuda que vos guíe nesta nova aventura. Pois non. Lamento informarvos que este artigo non o escribo para vós, escríboo para o meu eu do pasado, para ese Jon de 18 aniños que chegou a Compostela con máis actitude que aptitude e máis esperanza que experiencia. Porque se puidese voltar atrás no tempo, isto é o que me diría.

Imaxe: lanzada.com.ph

A persoa que senta ao teu lado non é a túa rival, é a túa compañeira

A medicina non é unha competición por ver quen é mellor, é un traballo en equipa para poder chegar á meta. Comparte os apuntamentos e os exames vellos, gratis, sen esperar nada en troca. Cando vexas que unha compañeira está a chorar, sobrepasada pola presión dos exames, vai onde ela e apóiaa. E si, se no medio do exame ves que a do lado está desesperada, murmúralle algunha resposta. Porque ao final o bo médico non é o que sabe toda a medicina, é o que é capaz de facer que as persoas se sintan mellor.

Estuda cos exames doutros anos

Os exames pasados son a pedra angular do estudo da medicina. Podes ter a impresión de que é mellor estudar todo o que se deu nas aulas e nin mirar os exames, ou podes pensar que quen estuda por exames non está a aprender realmente, mais non é así. O coñecemento médico é vastísimo, e se comezas nunca vas parar. Tes que optimizar o teu tempo, centrarte en saber ben aquilo que importa, que é o que cae nos exames. Como nos dixo unha vez o profesor Beiras en Histoloxía: “Hay que saberse lo importante, y si a alguien le sobra el tiempo, que se vaya a pescar robalizas”. E oes, moitas veces repiten preguntas, e unha pregunta acertada pode ser a diferenza entre o 4,8 e o 5.

Baixa o ego

Nestes primeiros días ouvirás varias veces que es a elite, la crème de la crème, a puta hostia en verso. Parvadas. Non es mellor que a xente que estuda Enfermaría ou Farmacia. Non es mellor que a xente que estuda carreiras de letras. E non, tampouco es mellor que a xente que estuda Maxisterio Musical. Non es mellor que aquel compañeiro que suspendeu a selectividade e se meteu nun ciclo, nin es mellor que a señora da limpeza sen estudos que chama infusións ás transfusións. Sé humilde e trata a todo o mundo como iguais a ti, e verás que podes aprender leccións moi útiles da xente que menos esperabas.

Non sexas unha persoa submisa, érguete para defender aquilo que é xusto

Moitas veces parece que o estudantado de Medicina é máis un rabaño de ovellas que un grupo de persoas. Hai moita tendencia ao egoísmo, ao individualismo e ao só me importa o meu propio cu. E non pode ser. Ao longo destes anos verás moitas inxustizas por parte do profesorado, da equipa decanal ou das altas instancias. Moitísimas. E aínda que non che afecten directamente, non cales. Se un profesor rompe inxustamente o exame dunha compañeira, ergue a voz. Se no exame poñen preguntas que non se deron nas aulas, mesmo que no teu caso particular as acertases, ergue a voz. Se unha titora de prácticas se burla dunha estudante por falar en galego, ergue a voz. E lembra sempre que o profesorado ou as persoas que ocupan cargos de responsabilidade na Universidade non son seres superiores, son persoas coma ti. Como di a vella da canción, na túa cona non manda ninguén.

Desfruta

Na carreira vas ter que estudar moito, mais non fagas da medicina o teu único obxectivo. Hai vida máis alá do Guyton e do Netter. Estás na mellor época da túa vida para coñecer xente, saír de festa e pasalo ben. Só vas ter xuventude unha vez, pensa ben como queres aproveitala. E por cada día de aulas, baixa mínimo unha vez á cafetaría para facer unha visitiña ao tío Luís.

Ao final, verás que os anos pasan moito máis rápido do que pensabas, e acabarás sendo un vello nostálxico que daría calquera cousa por ter unha máquina do tempo e voltar a ese primeiro día de universidade.


Se che gustou este artigo, dá unha ollada tamén á colaboración de Alberto FM cos seus Consellos para novatos.