Tipos de preguntas de exame


O artigo Tipos de preguntas de exame foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 15 de maio de 2015.


Como cada ano por estas datas, a estudante de Medicina ten que se enfrontar ao seu arquiinimigo, a súa némesis, o exame. Como o coñecemento é poder, vou tentar retratar algúns dos tipos de preguntas máis comúns nos exames, para que saibades que esperar delas. Axudar non vos vai axudar a aprobar, mais polo menos sacaredes o fociño dos apuntamentos mentres ledes este artigo.


A pregunta imposíbel de responder

Existen profesores que te odian. Vaia, non a ti, ao estudantado en xeral. Nútrense da dor, da desesperación e dos suspensos. Farán todo o posíbel para que ninguén acerte as súas preguntas de exame. Para iso botarán man de enunciados ambiguos e respostas vagas e idénticas entre si.

Unha das seguintes respostas pode, ou non, ser lixeiramente máis correcta que o resto en base a certo dato que só foi comentado na aula no último minuto, cando todo o mundo estaba a recoller, e en voz baixa para que ninguén o escoitase. Mesmo así, é probábel que en ningún lugar da bibliografía médica o poña, porque é algo que deducín eu e probabelmente non sexa correcto. Sinale cal non é a opción menos non verdadeira:

a. Esta opción é correcta, mais non a vou dar por válida.
b. Esta opción di o mesmo que a A, mais trocando "aferente" por "eferente".
c. Esta opción di exactamente o mesmo que a A, mais con outras palabras.
d. Esta opción sae cortada na fotocopia, di algo non moi exacto e facilmente impugnábel, e entra en conflito co resto de respostas. É a que vou dar por correcta. A non ser que moita xente a acerte, nese caso anularei a pregunta.
e. Todas as opcións son correctas, o que tamén podería significar que todas as opcións son falsas, porque a pregunta vai en negativo, mais se me preguntas no medio do exame o único que farei será dicir que es unha ignorante.

A pregunta baixada da Internet

Pensades que o profesorado escribe persoalmente todas as preguntas? Inocentes... Só tendes que coller unha pregunta de exame, especialmente desas materias que non deixan que quedes cunha copia das preguntas, e buscar en Google. Facendo iso eu encontrei, por exemplo, que moitas preguntas de Derma estaban sacadas dun exame de 2002 da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria (que xa non están online, non vos matedes a buscar). Tamén hai moitos anos había un profesor que as collía dunha web en inglés e as traducía, e deuse o caso de un que foi tan despistado que deixou marcada a resposta correcta nalgunhas das preguntas que copiara.

Como identificalas? Pois porque están escritas de forma estraña, con termos pouco comúns ou palabras que aquí non se usan, e moitas veces nin sequera teñen relación co que foi explicado nas aulas. Unha cousa así:

Una mujer de 78 años le platica que padeció un cuitlacoche que le sanó el yerbero cuando era una chava. Ahorita está en tratamiento con digoxin por insuficiencia cardiaca de origen valvuloso y urge por dolor abdominal. Se le tupe un clisma opaco, rifleándose unas imágenes en descending colon como de “fingerprints”. ¿Qué tan más probable será uno de los siguientes diagnósticos?:

a. Infartación miocardiástica
b. Acidificación gástrica del Rebound
c. Óseus Eruptus
d. Fallo epidérmico fulminante
e. Traumaúra

A pregunta que fai o profesor para demostrar que é un erudito no tema

Para algúns profesores, o obxectivo de dar aulas non é que o estudantado aprenda, é demostrar o moito que sabe el do tema. Para iso fai referencias varias a textos escritos por el mesmo e fala da súa estancia nos Estados Unidos e de como se fan alá as cousas. Continuamente está a insultar a xente que non sabe tanto coma el dese tema en concreto, ou da xente que sabe moito doutros temas, porque para el o resto de temas non importa tanto como o seu tema. As preguntas que fará no exame serán tipo:

Aínda que en todos os libros de medicina e toda a bibliografía que manexas pon unha cousa, eu escribín hai pouco un artigo que di algo totalmente diferente. O estudo seguramente sexa inválido e estea cheo de erros sistemáticos, e por iso só o puiden publicar na Revista de Homeopatía da Igrexa Episcopaliana do meu barrio, previo pagamento. Porén, como teño un ego máis alto que Pena Trevinca e quero que todo o mundo o lea, vou preguntar non polos resultados, senón por unha porcentaxe que se cita sucintamente no texto. E por se fose fácil de máis, vou redondeala sen criterio ningún. Esta porcentaxe é:

a. 45,1%
b. 45,0%
c. 44,9%
d. 45%
e. Entre 49,9% e 45,1%

A pregunta repetida desde hai anos

É a típica pregunta que sempre, sempre, cae no exame. É unha pregunta antiga, que non se entende, desactualizada e inexacta. Probabelmente xa estivese no exame cando o profesor aínda era alumno, e mesmo é posíbel que se remonte incluso máis atrás da fundación da Universidade de Santiago de Compostela no século XV. Ninguén o sabe, e ninguén se importa con iso. O estudantado sabe a resposta correcta e non se queixa dela, e deste modo perpetúase para os anos vindeiros.

Ven o cauallo vsado a saltar et andar porllos llugares sobreditos, alçara as coixas et os pees mais apostadamente pollos llugares; et asy o que en el seuer andara mais seguro?

a. E eu ben vos digo que é san' e vivo.
b. Que amor tam viçoso e tam são, quen'o podesse teer atá o Verão!
c. Dizem os homens, e dizem dereito, que peeu bem, pois peeu em seu leito.
d. Ben'as cuidara de morte guardar todas três, quando as fezo sangrar.
e. Com cuidad'e com pavor meu coraçom nom é são.

A pregunta con imaxe

Para terminar, non podemos esquecernos da pregunta que inclúe unha imaxe. Neste caso existen dúas opcións, que a imaxe estea proxectada ou que estea impresa no papel. Se está proxectada verase lonxe, mal, pequena, esborranchada, e coas cores estrañamente alteradas, ao que o profesor comentará "pois aquí na pantalla vese ben", como querendo dicir "eu estou véndoa ben, pero vós fodédesvos e védela mal". Se está impresa, as sucesivas fotocopias farán que a calidade sexa ínfima, até o punto de que non se distingue se é unha foto dunha lesión cutánea ou unha gammagrafía. O comentario neste caso será "houbo un problema coas fotocopias e as imaxes non se ven moi ben", que quere dicir "as imaxes vense como o carallo, mais tanto me ten, eu só quero que acabedes rápido para saír e poder fumar un cigarro".

Exemplo de imaxe, na cal o importante é xusto aquilo que non se dá visto.