O investigador que dedicou máis de 60 anos a demostrar que a nai NON tiña razón




A imaxe é unha captura dun vídeo do Youtube de Vox.com.

Cando unha nai lle di ao fillo que non faga algo, o fillo ten dúas opcións. Pode obedecer e facer caso, ou desobedecer e continuar a facelo, arriscándose a un castigo. Mais o home do que vos vou falar non era o típico fillo, e o que decidiu foi demostrar que aquilo que facía non tiña nada de malo. Custase o que custase.

Veredes, existe a crenza popular de que estalar os dedos (ou triscar os dedos, como dicimos en Vigo) pode provocar artrite, e por iso a nai de Donald Unger non lle deixaba facelo. Entón, o argalleiro do Donald decidiu que ía estalar os dedos só da man esquerda, para despois dun tempo poder comparala coa outra e demostrar que estaban no mesmo estado. E, efectivamente, despois de máis de 60 anos a facelo non se observan diferenzas entre elas.

POR QUE ESTALAN OS DEDOS?

Moitas das articulacións do corpo teñen un espazo cheo cun fluído que se chama líquido sinovial, que serve para lubrificalas e reducir a fricción ao movelas. Mais dentro dese líquido tamén se encontran gases (oxíxeno, nitróxeno e dióxido de carbono) que poden formar burbullas. Así, cando estalas a articulación o que estás a facer é expandir o espazo entre as articulacións, creando unha presión negativa que produce burbullas que estouran facendo ese son característico.

É MALO ESTALALOS?

Non se pode asegurar nada, porque un estudo realizado nunha soa persoa ten un nivel de evidencia científica moi baixo, mais fóra da investigación do Donald non hai nada que indique que facelo poida producir artrite. Porén, hai publicado un estudo de casos e controis, Effect of habitual knuckle cracking on hand function, que di que "Non houbo unha preponderancia aumentada de artrite da man en ningún dos grupos; con todo, as persoas que estalan habitualmente os dedos tiñan maior predisposición a ter inchazo na man e unha forza de agarre menor". Mais é un estudo con apenas 74 casos e 226 controis, tampouco é que teña moita evidencia.

Entón, é malo? Pois probabelmente non.

E QUE FOI DO BO DE DONALD UNGER?

Pois mentres transcorría a súa investigación, estudou e fíxose alergólogo, converténdose no Dr. Donald L. Unger. En 1998 publicou o resultados no xornal Arthritis & Reumatology, nun artigo titulado Does knuckle cracking lead to arthritis of the fingers?. E finalmente, en 2009 gañou un prestixioso premio Ig Nobel. Hoxe ten 89 anos e vive tranquilo en Thousand Oaks, California.

Efectivamente, este é Donald Unger nunha foto impagábel.