Epidemia The Game, a app para loitar contra a SIDA


O artigo Epidemia The Game, a app para loitar contra a SIDA foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 5 de maio de 2015.



Nestes días existen moitos xogos para móbil. Moitos. De verdade, unha chea deles, é impresionante. Mais hoxe quérovos falar dun en particular. Non é mellor que o resto, non é o máis enxeñoso nin o mellor desenvolvido, mais é algo que si é: solidario.

Comecemos polo principio. Epidemia The Game é un xoguiño ben simple, onde manexamos a Pitu, un pequeno personaxe de forma fálica. Este amiguiño vai camiñando lateralmente e disparando aos inimigos que veñen de riba. Estes inimigos son virus de varias cores (que simbolizan o VIH), vampiros (que representan outras doenzas de transmisión sexual), xiringas (o contaxio entre drogodependentes), o avión (o contaxio por turismo sexual) e cadeas de ADN (o xenoma do virus). Da outra banda, tamén irás recibindo obxectos que axudan na loita, como o preservativo, a caixa de primeiros auxilios e as pílulas. Como podedes ver, todo moi evocador.



Curiosamente, como Apple ten unha política de apps máis restritiva, a versión do xogo para iOS está un pouco censurada. Así, o protagonista Pitu e substituído por Tupi, un homiño con pinta de domingueiro, e os preservativos por paraugas. Mais que nos vos free isto, polo demais o xogo é exactamente igual.

Si, moi ben, xa entendestes de que vai o xogo, mais que é o que ten de especial? Pois que o obxectivo do xogo é recadar fondos para a Fundació Lluita contra la SIDA, que serán investidos integramente na investigación. Para iso, dunha banda, o prezo de descarga é de 0,99€ (menos do que custa un café!). Da outra banda, conta con compras dentro da app, onde por máis 0,99€ podes conseguir gorras, saias, lentes de sol, tatuaxes, accesorios e algúns power-ups para facilitar o progreso no propio xogo.

O xogo está dispoñíbel para descargar na Google Play Store e na App Store e está traducido ao castelán, catalán e inglés. Nada de galego polo momento.

Web | http://www.epidemiathegame.com
App (Android) | https://play.google.com/store/apps/details?id=com.flsida.vihattack
App (iOS) | https://itunes.apple.com/us/app/epidemia/id934741060