Homosexuais e doazóns de sangue


O artigo Homosexuais e doazóns de sangue foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 29 de abril de 2015.


Imaxe tirada do artigo Sangue tipo Gay, do blogue brasileiro 'Bule Voador'.

Hoxe encontrámonos cunha nova das que crean polémica. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea emitiu unha sentenza que dá abrigo á posibilidade de que os Estados da Unión poidan vetar a doazón de sangue a homes homosexuais, despois de que un cidadán francés fose impedido de doar por ter mantido relacións con outro home.
Antes do máis, imos dar un pouco de contexto a todo isto. No momento actual, moitos países (como Brasil, Irlanda, Francia, Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Islandia ou Noruega) consideran que as relacións sexuais entre homes son un factor de risco para o contaxio do VIH e, por tanto, exclúen de poder doar as persoas que as manteñen. Ollo! Non é que pensen que a homosexualidade se contaxie polo sangue nin burradas dese calibre que lin polo Twitter adiante! Segundo as autoridades deses Estados, as relacións entre homes entran na mesma categoría que o consumo de drogas por vía intravenosa, por exemplo. A súa resposta ás críticas de homofobia é que o problema non sería a orientación sexual, senón a práctica sexual. Entón, dependendo do país, pode ser un impedimento absoluto ou haber unha xanela de tempo que hai que estar libre de relacións entre homes para poder doar. E vaia, vista a sentenza da UE, non parece que as cousas vaian mudar no curto prazo.
Acheguémonos un pouco máis. Vamos ver como son as cousas en Portugal. En 2010 houbo unha resolución do parlamento que recomendaba abolir calquera discriminación a homosexuais e bisexuais na doazón de sangue. E aínda que a pregunta sobre as prácticas sexuais homosexuais foi excluída dos cuestionarios, aínda se pregunta de forma oral por esta práctica antes da doazón.
E no noso país? Pois o Centro de Transfusión de Galiza só fai referencia ás prácticas sexuais no apartado de causas que impiden doar sangue de forma permanente. Concretamente, as preguntas que figuran son: Realizou prácticas de risco de SIDA? Entendendo prácticas tales como: Tivo relacións sexuais non seguras? Tivo relacións sexuais con múltiplas persoas? Tivo relacións sexuais con portadores do VIH (SIDA)? Tivo relacións sexuais con persoas consumidoras de drogas? Tivo relacións sexuais en troca de drogas ou de diñeiro? Como podedes ver, non se fai distinción entre as diferentes orientacións. E a min persoalmente, en todas as veces que doei, nunca me preguntaron máis alá de se mantiven relacións con preservativo ou non. Entón, polo momento, imos ben.
Web do Centro de Transfusión de Galiza (Aquí ía ir a ligazón ao apartado 'Podo doar?', mais como teñen unha web chafalleira feita en Flash non se pode)
Por último, vamos aos datos. Actualmente todo o sangue recolectado ten que pasar unhas probas para descartar calquera perigo. Estas probas teñen unha alta sensibilidade e especificidade, tanto é así que en todo o Estado español non houbo nin un só caso de contaxio de VIH nos últimos 10 anos. E ben, para ser xustos á verdade, é certo que os 51% das infeccións de VIH en 2013 foron causadas por relacións sexuais entre homes, e que a incidencia neste grupo parece estar a aumentar, mais este dato por si só non xustifica nada.
«Ni un caso en 10 años» (El País, 29/04/2015)
Na miña opinión, prohibir doar aos homes que mantivesen relacións homosexuais é absurdo e redutor. Tanto neste caso como na maioría de estudos que consideran as prácticas homosexuais hai un biés importante, xa que case na súa totalidade é feito por persoas heterosexuais sen moito coñecemento sobre esta sexualidade. Non se pode reducir a práctica homosexual entre homes ao sexo anal, nin se pode reducir o sexo anal ás relacións homosexuais entre homes. E mesmo así, se a relación se fai coas medidas de protección adecuadas, o risco non é maior que o do sexo vaxinal heterosexual.

Que quero dicir con este artigo tan longo? Pois resumindo: mantende relacións sexuais con quen queirades, usade as medidas de protección axeitadas para as prácticas que realicedes, e ide doar sangue, carallo, que as reservas son escasas e fai moita faltiña!