Eu xoguei con bonecas


O artigo Eu xoguei con bonecas foi publicado orixinalmente no Sermos Galiza en 30 de abril de 2015.


Cando era un neno gustábame xogar. Como a todo o mundo nesa idade, vaia. Entre os meus xoguetes tiña o Megazord dos Power Rangers, o barco pirata de Playmobil e unha boa colección de bonecos de dinosauros que regalaban no supermercado coa compra. Lembro tamén un camión e varios coches cos que xogaba ás carreiras no corredor da casa. E unha boneca Nenuco.

"Lembro tamén un camión e varios coches cos que xogaba ás carreiras no corredor da casa. E unha boneca Nenuco".
Veredes, a boneca era unha destas de plástico que arremedan un bebé. Eu coidábaa, arrolábaa, e mesmo a lavaba comigo cando me bañaba. Non cheguei a pórlle nome, porque nome xa tiña, que viña na caixa con letras grandes. Para min sempre foi o Nenuco. Como non tiñamos moito diñeiro, a roupiña facíalla a miña nai con retallos de tea. Cando a miña nai pasaba a nosa roupa, eu collía o meu ferro de pasar de xoguete e facía o mesmo coa roupa da boneca. E cando a miña nai facía a comida, eu imitábaa e facía a comida á boneca cuns cacharros de cociña de xoguete. Un día, a nai dun amigo meu regaloume un carriño usado que tiña pola casa, de raias brancas e azuis. Estaba un pouco vello, mais tanto me tiña. Eu era feliz paseando nel a miña boneca.

Os anos pasaron e a boneca apodreceu. Resulta que bañala non era tan boa idea despois de todo. A medida que fun crecendo, fun tendo novos hobbies e intereses, e acabei por ser o home que son agora. O caso é que aquilo que cando era un neno inocente me parecía normal, hoxe, visto con ollos de adulto... continúa a parecerme algo totalmente normal. Ou?