Día 644: Gotta catch 'em all!


O artigo Día 644: Gotta catch 'em all! foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 7 de abril de 2015.


Este é o diploma que certifica que completei a Pokédex. Mais só completar a Pokédex non era suficiente reto para min.

A miña historia con Pokémon remóntase ao Natal de 1999, cando me regalaron unha Game Boy Color co Pokémon Azul. Por cousas da vida e de non saber, o cartucho que me compraran era unha copia pirata da versión americana. Por ser versión americana, a pesar de estar en inglés, permitíame facer moitos trucos e obter cousas que non había na versión europea. A parte mala é que por ser versión pirata a partida borróuseme un par de veces. Mais por sorte, no verán de 2000 saíu o Pokémon Amarelo, e con moito tesón conseguín xuntar nel os 151 pokémons. Un de cada especie.

No 2001, polo meu aniversario, regaláronme o Pokémon Prata. Esta nova xeración de xogos incluía 100 novos pokémons, que de novo volvín conseguir. E non só iso, senón que pasei todos os pokémons do Pokémon Amarelo, tendo así todos os 251. Un de cada especie. No Natal dese ano saíu o Pokémon Cristal, mais xa aos poucos fun deixando a afección, e a Game Boy foi acumulando pó.

E chega o Natal de 2013. Despois de 12 anos apartado, o novo Pokémon X chamoume moito a atención. E, inesperadamente, regaláronmo xunto cunha Nintendo 3DS de segunda man. Despois de pasalo entroume a nostalxia e collín os primeiros xogos de Pokémon para recordar vellos tempos, mais os cartuchos da Game Boy usan unha batería de reloxo para gardar a partida. E si, duran moito, mais 12 anos foron abondos para que se me borrase a partida do Pokémon Prata. Adeus aos 251 pokémons que con tanto esforzo coleccionara.

Entón, nese momento, púxenme unha nova meta na vida: conseguir todos os pokémons no Pokémon X. Todos eles. Tiven que pasar xogos antigos para conseguir pokémons exclusivos. Tiven que intercambiar pokémons online con xente de todo o mundo. E hoxe, 7 de abril de 2015, máis dun ano despois do meu regreso ao pokémundo, conseguín todos os 719 pokémons que existen até a data. Un de cada especie. E pensei... se no blogue falei do Zelda: A Link Between Worlds e do Zelda: Link's Awakening, unha proeza como este ben merece unha entrada propia.

Sei que se ve mal, podes premer para alargar a imaxe. Son 24 caixas do xogo, con 30 pokémons cada unha. Todos os 719.

P.S: Levaba meses á procura de Victini, o último que me faltaba, e hoxe intercambioumo un californiano chamado Jay. :)