O parque de abaixo


O artigo O parque de abaixo foi publicado orixinalmente no Sermos Galiza en 12 de marzo de 2015.


De pequeno, cando a miña nai me dicía que me ía levar ao parque, eu sabía perfectamente a que parque me ía levar. Había outros dous parques no barrio, aos que miña nai se refería como o parque de arriba e o parque de abaixo. Mais ningún deles era o parque. Non é que o parque fose o mellor deles, nin sequera era o meu favorito, mais era o parque. O caso é non fun eu quen decidiu iso. Foi a miña nai quen deu en chamar o parque a ese parque e non a outro. Eu, simplemente, acepteino. Vivín nese marco de pensamento sen cuestionalo, usando as palabras como aprendera.

"Quen vos vén á cabeza cando ouvides falar do "presidente"? Cando unha nena ten deberes de "lingua", a que materia se refire?"
Gustaríame que fixésemos aquí un exercicio de introspección. Quen vos vén á cabeza cando ouvides falar do presidente? Cando unha nena ten deberes de lingua, a que materia se refire? Se pedides nunha tenda unha camisola da selección, que credes que vos van vender? A que cidade vos van mandar se pedides na estación un billete para a capital?

Como sociedade, aprendemos a usar as palabras como nos ensinaron. Vivimos nun marco de pensamento alleo, que non decidimos nós. Aceptamos que todo o referente a España é o principal, mentres que o referente á Galiza é o secundario, o que precisa levar un modificador no substantivo. Mais as palabras son as que definen a nosa realidade, e inconscientemente aceptamos que todo o galego é secundario.

"Outros serán o "presidente de España", "o presidente da comunidade de veciñas" ou o "presidente do club de fans de Serramoura", mais non o presidente"
Porén, as cousas poden mudar. Cando crecín e comecei a ir só ao parque, decateime que prefería o parque de abaixo, e comecei a referirme a ese como o parque. E chegou o día en que ao eu dicir “vou ao parque”, a miña nai entendía que ía ao parque de abaixo. Mudei o paradigma.

Do mesmo xeito nós, como sociedade, debemos deixar de dicir o presidente da Xunta para dicir simplemente o presidente. Outros serán o presidente de España, o presidente da comunidade de veciñas ou o presidente do club de fans de Serramoura, mais non o presidente. E o mesmo para o parlamento, a selección, a capital, a televisión pública ou a Real Academia. Facendo isto estamos a crear un novo paradigma, a reivindicar que o noso é o principal, a fuxir duns esquemas que nós non decidimos. Con algo tan simple seremos un pouco máis soberanas. Un pouco máis nós.