Historias clínicas e estudantes de Medicina


O artigo Historias clínicas e estudantes de Medicina foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 11 de marzo de 2015.


Imaxe tirada do blogue A asistencia nun click, aínda que a diferenza deles eu tomei a molestia de ocultar o nome da doente.

O estudantado de Medicina vivimos nunha contradición constante. Ao longo das prácticas estamos en contacto con doentes, coñecemos a súa información sensíbel e vemos as súas historias clínicas de maneira habitual. Non hai outra opción. As prácticas non valen de nada se non coñecemos o caso da persoa á cal estamos a atender, e os datos do caso están na historia clínica. Alén disto, como un dos coñecementos prácticos que deben ter todas as estudantes é saber elaborar historias clínicas, a facultade mándanos elaborar ao redor de 20 historias clínicas de doentes ao ano. Elaboralas, escribilas, pólas nun soporte físico e entregalas ao profesorado para que as avalíe. Ou sexa, estamos en contacto con esa información o tempo todo. Porén, paradoxalmente, o estudantado non pode acceder ás historias clínicas do Sergas legalmente.

A pesar diso, o problema até o momento era menor. As persoas que titoran as nosas prácticas normalmente permítennos acceder ás historias que precisamos baixo a súa responsabilidade. É unha situación alegal, non regulada, mais polo menos o estudantado pode realizar os seus labores. Entón a situación mantíñase nun equilibrio perigoso. Estábel dentro da gravidade.

O curioso vén coa adaptación ao plano de estudos de grao (o insigne Plano Boloña). Nel, o estudantado do último ano ten que realizar un traballo de fin de grao/máster. Este TFGM ten que ser un estudo científico, e desde a propia facultade anímannos a facelo acerca de temas útiles e que potencialmente poidan ser publicados ou expostos en congresos. Mais un estudo científico require datos acerca dos doentes. Datos aos cales nós non temos acceso.

Para realizar un estudo epidemiolóxico son precisos datos de ingresos no hospital, datos de prescricións de medicamentos, e eventualmente acceso ás historias clínicas para valorar antecedentes ou factores de risco. Calquera persoa que traballe para o Sergas, sexa médica, enfermeira, farmacéutica ou doutra área das ciencias da saúde, ten acceso a estes datos. Está suxeita á confidencialidade, ao segredo profesional, e os datos publicados deben ser completamente anónimos, mais teñen acceso a eles. Nós non. Nós, que facemos unha parte importante da nosa aprendizaxe en hospitais universitarios do Sergas, que somos obrigados a traballar con datos do Sergas nas prácticas e precisamos eses datos para o TFGM, non temos acceso. Somos vetados.

Por que non crear un perfil
específico para estudantes,
que poidan acceder ás historias
vendo só unha parte delas?
O CEEM, Consello Estatal de Estudantes de Medicina, solicitou que se arranxase esta situación ("Los estudiantes exigen pleno derecho a la e-historia" Redacción Médica, 07/03/2015), mais o tema non está nada claro. Hai profesionais que prefiren que todo fique como está. Mais... por que non crear un perfil específico para estudantes, de modo que poidan acceder ás historias mais vendo só unha parte delas, como ten por exemplo o persoal de enfermaría? Por que non recoñecer a figura da estudante como parte dun hospital?

Non sei a vosa opinión, mais eu, como estudante de Medicina, estou farto de vivir no limbo.