Día 593: A Link Between Worlds


O artigo Día 593: A Link Between Worlds foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 15 de fevereiro de 2015.



No día 26 (cando aínda numeraba todas as publicacións do blogue e tiña esperanzas de ir ao MIR 2014, coitadiño...) realicei unha proeza digna de mención, acabar o xogo The Legend of Zelda: Link's Awakening. Pois ben, hoxe volvín facer unha proeza de proporcións semellantes, e podo dicir orgulloso que pasei o The Legend of Zelda: A Link Between Worlds.

A miña Nintendo 3DS co A Link Between Wolds.
Veredes, dentro dos xogos da saga Zelda existen basicamente dous tipos canto á xogabilidade. Dunha banda, temos os clásicos con visión cenital (que se ven de arriba, en dúas dimensións) e os máis modernos con gráficos tridimensionais, ao estilo dos xogos actuais. Os primeiros sobrevivían, principalmente, polas limitacións das consolas (Nintendo, Super Nintendo, Game Boy, Game Boy Advance), mentres que os segundos eran os das consolas máis potentes (Nintendo 64, Game Cube, Wii, Wii U). Entón, no momento actual, temos que a consola actual menos potente da Nintendo é a Nintendo 3DS, que ten máis potencia que unha Nintendo 64 e pode cos Zelda tridimensionais sen problemas. Os xogos ao estilo clásico, que eran os meus favoritos, estaban condenados a desaparecer.

Só que non.

Nintendo sorprendeu e lanzou o A Link Between Wolds. É bonito, con gráficos actuais que lucen perfectamente, mais conservando a vista cenital e a súa xogabilidade clásica. E, aínda por riba, o mundo é o mesmo que o do A Link to the Past, o clásico da Super Nintendo, só que con gráficos melloradísimos. Unha delicia.

E ben, o que vos viña contar é que hoxe o pasei. Completamente. Encontrei todos os Maimai, todos os fragmentos de corazón, conseguín todas as armas e roupas... todo. Mais o bonito é que o fixen todo sen guía. A primeira vez que non me fai falta mirar unha guía para pasar un Zelda a 100%. Toda unha proeza!

Se tes unha 3DS e nos encontramos co StreetPass... poderás enfrontarte a min!