A época de exames


O artigo A época de exames foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 9 de febreiro de 2015.


É o ciclo sen fin... Ano após ano, as estudantes teñen que enfrentarse aos temidos exames. As datas varían un pouco entre as persoas de grao e as persoas de licenciatura, polo que agora mesmo só as segundas están inmersas na época de exames, mais non interesa. Vaia, á xente que está agora desesperada cos exames interésalle ben, mais non é iso ao que me refiro. O que quero dicir é que, a efectos deste artigo, a época de exames é igual para todo o mundo. Pois vamos alá...

CANDO UN AMIGO ESTÁ TRANQUILO E TODO LLE PARECE FÁCIL


Plena época de exames, todo o mundo á beira do brote psicótico, desesperación absoluta. Porén, no medio do caos, sempre está o típico amigo que está estrañamente tranquilo, relaxado. Ese que non é capaz de entender a túa ansiedade. Ese que sempre o ve todo moi fácil. Ese que esganarías coas túas propias mans se puideses.

CANDO UN AMIGO QUE LEVOU TODO AO DÍA VAI DANDO LECCIÓNS


Chega a recta final antes do exame. Durante todo o cuadrimestre/semestre non fixeches nada, non pasaches a limpo os apuntamentos, e nin sequera sabes ben que é o que entra no exame. Como podes, fas acopio de material e poste a estudar día e noite como se non houbese un mañá. Mais sempre, sempre, virá o típico amigo que levou todo ao día e que non está abrumado pola falta de tempo. Só que non se contenta con iso, ten que demostrar a súa superioridade moral dicíndoche "Fas mal, debías planificar o estudo e non deixar todo para o final". Máis unha vez, fantaseas con mallar nel violentamente.

CANDO ENTRAS NO EXAME E LES AS PREGUNTAS


Helicobacter pylori? Dispnea? Coprolalia? Isto en que idioma está escrito?

CANDO CHE PREGUNTAN QUE TAL FOI O EXAME


De verdade, a que vén este interese desmesurado por saber que tal che saíu o exame segundos despois de acabar? Non quero falar de que tal me saíu o exame! Cala a boca e déixame en paz!

CANDO CHE FALAN DE APUNTAMENTOS OU EXAMES VELLOS QUE NINGUÉN CHE PASOU


Despois de saír do exame un compañeiro chega e, a pesar de que o mandas calar, ignórate e comeza a falar sobre as preguntas. Tipicamente escoitarás algo do tipo "Que safada, repetiron todas as preguntas do exame do setembro pasado". Asombrado, responderás "Exame de setembro? Ese non o tiña!", ao que el retrucará "Ai, non cho pasei? Pois paseillo a todo o mundo, debinme despistar...". Nese momento, só podes gritar "A cona!" e, máis unha vez, tentar reprimir os teus instintos homicidas.

CANDO CHEGAN AS NOTAS


Enténdese ben o concepto, non é?

CANDO O AMIGO SABICHÓN DO SEGUNDO APARTADO VOLVE Á CARGA


Acabou a época de exames e comeza un novo cuadrimestre/semestre. O teu amigo sabichón virá dicirche "Xa viches o que che pasou nestes exames, agora esperta e comeza a traballar desde o primeiro día". Só que non lle fas caso. Estás canso dos exames, ben mereces uns días de folga. E, á parte, aínda faltan meses para os exames, tes tempo de sobra!