Por que Nintendo fai ben


O artigo Por que Nintendo fai ben foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 19 de decembro de 2014.


Hai moita xente que rexeita as consolas actuais de Nintendo, que non son para xogadores de verdade, que se están a equivocar moito e van acabar na ruína... mais eu aquí vos vou demostrar que non é así.

Satoru Iwata, presidente de Nintendo, mostrando ao público o WiiMote.

Na diferenza está a cuestión


Típica familia estadounidense.
Para comezar, dedicarse aos grupos de xente que normalmente non xogan aos videoxogos é unha estratexia comercial moi boa. Mentres que Sony e Microsoft compiten polo nicho limitado dos hardcore gamers, Nintendo prefire ir polos nenos, as nais, os pais e os avós. E funciona. Poucas nais se sentirían atraídas polo GTA, se cadra algún pai si, porque o mundo dos videoxogos aínda está bastante marcado por estereotipos de xénero, mais non vou entrar niso. O caso é que esas nais e pais desfrutan como tolos xogando ao Wii Sports, ou botando unha partida ao New Super Mario Bros. cos nenos. Aí hai mercado, e Nintendo sábeo ben.

Mais fóra de intereses comerciais, Nintendo ten unha cousa que o resto non teñen: innovación. Pensádeo, do punto de vista actual, cal é a diferenza entre a Super Nintendo e a Sega Mega Drive? Ou entre a Playstation e a Sega Saturn? Os xogos. Nada máis. E os xogos non dependen da plataforma, calquera deles funcionaría igual de ben, ou mellor, no computador. E non digades que non, que aquí todos temos usado emuladores.


Que pasa na época actual?


Viaxemos entón á época actual. Temos claramente 4 plataformas de mesa e 3 portátiles. Nas consolas de mesa temos a Xbox One, a PS4, a Wii U e o PC. Cal é delas destaca, sobresae, marca a diferenza? A Xbox One e a PS4, a nivel de experiencia de xogador, son iguais, e non ofrecen ningunha experiencia que non poida ofrecer un computador. Os principais xogos de ambas as plataformas tamén están dispoñíbeis en Steam, ou en menor medida en Origin, coa vantaxe de que no computador podes ter un mellor rendemento se o tes actualizado. E o seu valor como centro de entretemento, con videoclub, reprodución de DVD... telo tamén nun computador, e con menos problemas de compatibilidade. Mais a Wii U, ai amigos, esa é diferente. Si, se cadra non foi ben en vendas por problemas de márketing (e a lea dos controladores, entre gamepad, wiimote, e demais), mais é a que dá unha experiencia diferente. E unha aposta decidida, non experimentos con gasosa como o EyeToy ou o Playstation Move.

Amigos xogando á 3DS no típico espazo
en branco fóra do espazo-tempo.
No campo portátil, temos Nintendo 3DS, PS Vita e toda unha chea de trebellos con Android. Cal gaña? Android. Sobradamente. A xente prefire un xoguiño simple no móbil para matar o tempo mentres agarda polo bus, aí está o mercado. O problema da PS Vita é que acaba por ser unha consola igual que as de mesa, só que portátil. Podes xogar onde queiras, con bos gráficos, e mesmo con engadidos interesantes como o Near, mais esas funcións están a ser engadidas aos móbiles, que cada vez teñen máis potencia. Ou podes simplemente xogar na túa consola de mesa habitual, trocando portabilidade por comodidade e mellores gráficos. Non ten nada que a faga imprescindíbel. Pola súa banda, a 3DS opta por ofrecer cousas novas, con diferente éxito. A tecnoloxía 3D ten moitos seguidores e moitos detractores, mais é algo que o resto non dan. E cando está ben implementado no xogo, realmente paga a pena. Tamén o feito das dúas pantallas dá moito xogo. Aínda que xa pasou a febre da época da DS, onde todo xogo era manexado coa pantalla táctil (ás veces pasándose un pouco), ter unha pantalla inferior para mapas e menús mellora moito a experiencia. E o StreetPass, con recompensas como o Tícket Eon nos novos Pokémon, dá alicientes para sacar a consola a pasear. En definitiva, diferénciase.

Que ensinanza podemos tirar de todo isto? Que nos videoxogos, como na vida, o que importa non é ser o mellor, senón ser diferente, orixinal e innovador.