5 consellos para tratar con estudantes do MIR


O artigo 5 consellos para tratar con estudantes do MIR foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 16 de novembro de 2014.


O estudante do MIR é un animal peculiar. A súa aparencia pode ser confundida facilmente coa dun Homo Sapiens, mais se reparas máis profundamente podes observar as sutís diferenzas que separan as dúas especies. A pel pouco bronceada, a súa linguaxe incomprensíbel e a súa mirada desconfiada poden dar pistas, mais é ese manual de medicina que sempre leva consigo o que dará a certeza de que nos encontramos ante un exemplar de Homo Miricus. Normalmente verémolos no seu hábitat natural, a biblioteca, lugar de onde raramente saen. O contacto con eles está totalmente desaconsellado, mais se existe algún vencello sentimental ou familiar, ás veces non temos máis remedio. Por iso é importante ter en conta os seguintes consellos:

1. Evita os ruídos fortes e os sobresaltos

O estudante do MIR asústase con facilidade. Se tes que interrompelo durante o seu estudo, achégate con coidado, avisando da túa presenza cunha voz suave e tranquila. Ao saír do seu trance estudantil mostrarase desorientado, como un somnámbulo ao despertar. É normal, non te preocupes. Dálle uns segundos antes de falarlle de cousas complicadas. Ou de cousas sinxelas.


2. Non tentes razoar con el cando se alporice

Aínda que normalmente evitan calquera contacto co mundo exterior, ás veces chegará a eles unha frase nunha serie de TV ou un titular no xornal pouco precisos cientificamente, do estilo "o médico deume antibióticos para a gripe" ou "vea aorta". Isto fará que o estudante comece a gritar indignado, proferindo insultos contra a televisión, o xornal ou a pantalla do computador, segundo o caso. Nesa situación, tentar razoar é totalmente contraproducente. Dicirlle frases como "non é para tanto", "é só ficción" ou "non todo o mundo ten por que saber iso" só fará que reconduza a súa ira para ti. O mellor será deixar que grite mentres asentes lixeiramente coa cabeza e aproveitar a mínima oportunidade para mudar de tema.


3. Non lle preguntes como leva o estudo do MIR

Evita, baixo calquera circunstancia, facerlle preguntas como "Que tal che foi o último simulacro?", "En que percentil estás?" ou "Como levas o estudo esta semana?". Mesmo un inocente "Que tal o MIR?", dito con toda a boa fé, é un erro de proporcións titánicas. A reacción do estudante é totalmente imprevisíbel, tanto pode comezar a chorar desconsoladamente como dar en rir como un maníaco. En calquera caso, só vas conseguir desestabilizar o seu xa inestábel equilibrio afectivo.


4. Cando che conte os seus problemas míricos, non tentes axudarlle

É moi común que, sen previo aviso, comece a contarche os seus problemas co estudo do MIR. Nese caso, é de vital importancia que non tentes axudarlle a solucionalos, pois só desatarás a súa carraxe. Nunca lle digas cousas do tipo "se cadra deberías estudar un pouco máis" nin "deberías tomalo cun pouco máis de calma". Non importa, sempre se anoxará e rebatirá violentamente calquera cousa que digas, aínda que iso implique contradicirse a si mesmo. Limítate a escoitar e dicir comentarios baleiros como "pobriño", "que duro" ou "vaia cabróns".


5. Dálle chocolate e mimiños

Ás veces toparás o estudante ollando para o libro con cara de frustración, chorando de impotencia ou sentado nunha esquina abrazado ás súas pernas repetindo "non podo durmir, cómeme o libro gordo". Neses casos, deberás achegarte con coidado, darlle calquera cousa con chocolate (chocolatinas, bombóns, turrón...) e facerlle un aloumiño.