Termos médicos: Varo e valgo


O artigo Termos médicos: Varo e valgo foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 26 de outubro de 2014.


Durante a última aula da academia do MIR, estiven a darlle moitas voltas aos conceptos varo e valgo. Veredes, en medicina hai dúas condicións bastante comúns chamadas xeonllo varo (genu varum) e xeonllo valgo (genu valgum). Consisten no que vedes na imaxe a seguir.

Fonte: http://odra.ca/en/knee-osteoarthritis/symptoms/

Entón, ter xeonllo varo é que os xeonllos saian para fóra, en forma de <>, e ter xeonllo valgo é que os xeonllos se metan para dentro, en forma de ><. Sinxelo, non é? Pois agardade un pouco...

Se vos dá por mirar no dicionario, veredes que varo significa «[Membro ou segmento dun membro] que se desvía cara a dentro, en relación ao eixe do corpo» e valgo significa «[Membro ou segmento dun membro] que se desvía cara a fóra, en relación ao eixe do corpo». Ou sexa, exactamente ao revés.

Chegados a este punto, non puiden aturar a sensación de non saber. Quizá sexa cousa miña, que nunca superei a etapa da infancia na cal os nenos non deixan de preguntar o porqué das cousas. O caso é que cando estou nunha situación como esta, non podo ignoralo e dicir "é así e punto". Afortunadamente vivimos nunha época onde temos acceso a todo coñecemento humano vía Internet, polo que decidín facer unhas pesquisas até que dei coa solución.

Veredes, o quid está en que as palabras varo e valgo fan referencia ao segmento distal, a parte do óso ou da articulación en cuestión que está máis afastada do centro do corpo. No caso do xeonllo, o segmento distal sería a tibia, co que o xeonllo varo é aquel no que a tibia apunta para dentro e o xeonllo valgo é aquel no que a tibia apunta para fóra. Volvede mirar as imaxes e veredes como todo encaixa. O mundo volve ter sentido.

Ou sexa, se somos exactos e usamos a linguaxe anatómica, as definicións correctas son:
  • Varo: Dito dun óso ou articulación, indica o desvío medial do seu segmento distal.
  • Valgo: Dito dun óso ou articulación, indica o desvío lateral do seu segmento distal.

Mais antes de terminar, cómpre facer un apuntamento máis. Historicamente, como se pode ver nos tratados médicos escritos en latín, varus facía referencia ao feito de ter os xeonllos xuntos e valgus ao feito de telos separadas. Ou sexa, unha persoa que tiña varus era aquela que tiña xeonllo valgo, e unha persoa que tiña valgus era aquela que tiña xeonllo varo. Isto é simple de comprender, xa que as palabras realmente mantiveron o significado (varo para dentro, valgo para fóra), só que pasou a aplicarse a partes diferentes.