4,8


O artigo 4,8 foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 3 de outubro de 2014.


Dende fai séculos loitan en Galiza
os homes cas ratas.
Vencendo sempre as ratas.

As ratas (Luís Seoane)

Xa é oficial. Hoxe ás 14h expirou o prazo para anotarse ao MIR 2015. Non poderei presentarme ao exame até febreiro de 2016 por culpa de dúas décimas e un fato de profesores con sede de vinganza. Como moitos non saberedes de que vai a historia, cóntovos...

Como xa expliquei no seu momento, en xuño enfronteime ao exame de Dermatoloxía, a última materia que me falta para licenciarme. Un exame exaxeradamente difícil, un ratio de aprobados irrisorio e o agravo comparativo co estudantado do grao levaron a que fixésemos unha reclamación. Despois de moito batallar, a reclamación foi admitida e contei con estar aprobado, mais finalmente xogaron connosco e sacaron uns criterios diferentes aos que pedíramos, co que quedei ás portas do aprobado. E tiven que ir a setembro.

Chegamos entón ao 15 de setembro. Alá fun a exame, cheo de ilusión e esperanza. E o exame foi fodido. Moi fodido. Difícil de carallo. Só vos digo que unha das preguntas era "¿Qué son los scybala?".

Inciso. Scybala é unha palabra inglesa que non existe en galego, portugués nin castelán. O seu significado é «masa indurada de feces» ou «pequenas bólas duras dentro das cales son formadas as feces en certas condicións patolóxicas do colon» (Fonte: Wordnik.com). En certas publicacións científicas en inglés usan a palabra scybala para referirse ás feces do Sarcoptes scabiei, xa que esta é a forma que adquiren as defecacións do dito ácaro. Mais iso non quere dicir de ningún xeito que os scybala sexan "Las heces del Sarcoptes scabiei", que foi a resposta que deron como válida a esa pregunta.

Saín do exame anoxado, mais coa sensación de que non o fixera mal de todo. Pensei que ía aprobar. Ao día seguinte chegoume un SMS coa nota. Si, por unha vez foron rápidos ao corrixir. Un 4,8. Xuro que o corazón me deixou de bater nos segundos que o cerebro tardou en procesar esa información. Non daba crédito. A revisión era dous días despois, o 18, e alá fun decidido. Mais antes revisei as notas que publicaron no taboleiro e fixen a seguinte gráfica.


Aquí van algunhas consideracións para entenderdes as gráficas. Neste curso 2013/2014, houbo 396 persoas matriculadas, das cales 176 aprobaron en xuño e 59 en setembro. Iso supón que entre as dúas convocatorias aprobaron só os 59,34% das persoas matriculadas. Ollo, isto tendo en conta que estes datos son de despois da reclamación de xuño, xa que inicialmente o número de aprobados fora menor. Xa centrándonos na convocatoria de setembro, aprobaron só os 44,36% das persoas presentadas nesta convocatoria. Ollo, dos presentados, que se temos en conta aquela xente que decidiu non presentarse, a porcentaxe de aprobados baixa até os 26,82% do total de persoas con dereito a acudir ao exame de setembro. Canto ás notas, que a nota máxima fose un 8, nun exame tipo test onde non restaban os fallos, é moi suxestivo da dificultade. E como se pode ver na distribución das notas, a maior parte da xente sitúase no intervalo entre o 4,0 e o 4,9, cunha curva desprazada claramente. Porén, o máis sangrante somos as 25 persoas que nos encontramos entre un 4,5 e un 4,9. Son 4 persoas con 4,5, 6 persoas con 4,6, 5 persoas con 4,7, 3 persoas con 4,8 e 7 persoas con 4,9.

Total, que o día 18 fun á revisión, ao igual que moita outra xente. E mandáronme á merda. Dixéronme que alí "no estamos para escuchar los lloros de nadie" e que un 4,8 era un suspenso, porque os criterios que lles obrigaran a pór en xuño eran ríxidos. E tanto ten que todos os anos aprobasen á xente con máis dun 4,5 sumándolle as prácticas, este ano estaban anoxados pola nosa reclamación de xuño. E punto. Tamén lles molestou moito que o conflito do exame de xuño transcendese á prensa («A diferenza de criterios entre o plan Boloña e o anterior agrávase en época de exames», La Voz de Galicia, 29/07/2014), cousa da que nós non temos culpa. En calquera caso, as nosas reclamacións eran xustas, e eles non teñen dereito ningún a tomar represalias contra nós por causa delas.

Despois diso, fun falar co decano. Mandeille por correo electrónico as gráficas de antes, e cónstame que máis compañeiros tamén se puxeron en contacto con el polo mesmo. A súa resposta foi que non había nada que el puidese facer. Aínda así, escribín unha nova reclamación explicando a situación da xente que estabamos entre o 4,5 e 4,9, que foi asinada por máis persoas, e entregámola ao decanato. A alegación xiraba sobre o argumento de que o exame fora inxusto, e que suspendendo en setembro perdemos a opción de ir ao MIR nesta convocatoria, perdendo todo un ano por apenas unhas décimas. Esa alegación foi entregada o 24 de setembro ás 12h no decanato da facultade de Medicina. Despois de esperar e non ter resposta, insistinlles, e desde o decanato comunicáronme o día 30 que a reclamación fora enviada á Secretaría Xeral da Universidade no mesmo día en que a entreguei. Ao comentarllo aos outros estudantes, un deles chamou á secretaría e resulta que tiñan por aí traspapelada a reclamación, e ao insistirlle que era urxente dixeron que o tentarían resolver no menor prazo posíbel. E até hoxe non temos máis novas.

O problema disto é que o prazo para nos anotar ao MIR acabou hoxe, e no improbábel caso de que nos desen a razón e aprobásemos a Derma, o dano está feito. Xa non podemos ir ao MIR 2015, temos que esperar ao MIR 2016. Un ano perdido. Sen saber onde vivir, nin como pagar un ano máis de academia do MIR, sen bolsas nin axudas, traballando no que boamente poida para tentar xuntar o suficiente diñeiro para seguir adiante.

Agora o tema está en que a reclamación non vai valer de nada. O meu plano nesta altura consiste en pasar a grao, co que me convalidan todos os 6 anos da carreira e xa non tería que presentarme a Derma nunca máis. Iso significa que vou ter que gastar un ano facendo e presentando en público o TFGM (Traballo de fin de grao e máster) e facendo un exame práctico chamado ACOE (Avaliación clínica obxectiva estruturada). Moito esforzo e traballo para, por fin, acabar a carreira en xuño de 2015. Imaxinade o noxo que lle teño á Derma que prefiro facer todo isto a presentarme outra vez máis a un exame dunha materia cuadrimestral.

O peor de todo é que eu levo sen durmir ben desde que me chegou a nota, mentres que os profesores de Derma durmirán como bebés, satisfeitos por ternos fodido a vida. Eu non creo no karma, nin vou desexar desgrazas a ninguén, pero espero non terlles que ver nunca máis a cara na miña vida. Porque, a fin de contas, demostraron ser uns verdadeiros scybala.