De médicas e enfermeiros


O artigo De médicas e enfermeiros foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 10 de xuño de 2014.


Elizabeth Blackwell, a primeira médica (1849).

A miúdo lemos a forma a médico en xornais e revistas, eu mesmo teño escoitado a mulleres que exercen esta profesión presentarse dicindo son a médico. Mais... cal é a maneira correcta de chamar a unha muller que exerce a medicina, a médico ou a médica?

En galego, a única forma correcta para o feminino é a médica. Simplemente. Así figura no Dicionario da RAG e no Dicionário Estraviz. Con todo, apelar ás autoridades lingüísticas é como cando a túa nai che retrucaba dicindo porque si, e cala a boca. Vamos entón profundizar un pouco no tema.

Tradicionalmente, a profesión de médico foi cousa de homes. As mulleres podían ser curandeiras, menciñeiras, compoñedoras, meigas ou, no mellor dos casos, enfermeiras, mais nunca médicas. Por isto, non existía daquela unha forma feminina, como hoxe en día non existe o feminino de cura, crego ou bispo. Aínda así, non estou a ser correcto de todo. Non existía un nome para a muller que exercía a profesión, mais a palabra médico sempre tivo feminino, polo menos na súa función de adxectivo. Por exemplo, pensade na axuda médica, na asistencia médica, na baixa médica ou na receita médica, sería impensábel que alguén dixese axuda *médico, asistencia *médico, baixa *médico ou receita *médico. Entón, se a palabra médico ten unha forma feminina médica, que sentido ten usar a forma masculina para as mulleres?

Chegados a este punto, hai quen retruca é que nunca se dixo "médica", o lóxico é manter a forma tradicional. Moi ben, continuemos con este argumento. Tradicionalmente, as mulleres eran as únicas que exercían a enfermaría, e a forma feminina é a tradicional. Chamemos entón aos homes que a exercen o enfermeira, que é a forma tradicional. E aquí é onde se ve ese machismo intrínseco que se oculta baixo a maquillaxe dunha suposta igualdade. Porque chamar a un home enfermeira é absurdo e ridículo, mentres que chamar a unha muller médico soa formal, mesmo culto.

Afortunadamente, a lingua facémola os falantes. Na Idade Media chocaríalles escoitar a palabra señora, xa que dicían o señor/a señor (como nesta cantiga de Santa María). No século XIX chocaríalles escoitar presidenta, política, médica, xuíza ou enxeñeira, xa que non existían mulleres con eses títulos. Na actualidade a sociedade avanzou, e a lingua con ela. Por que ficar atrás?

P.S: A persoa titulada que asiste nos partos é un parteiro ou unha parteira. As formas matrona e comadroa non teñen masculino e é mellor usalas só no seu sentido tradicional de muller sen título que axudaba nos partos antigamente.

P.P.S: Ah! E á hora de usar plurais, para evitar dicir os médicos englobando homes e mulleres, non escribades @s médic@s, os/as médicos/as, xs médicxs ou *s médic*s. Dicide simplemente o persoal médico. Queda mellor e así evitades o sexismo tanto na escrita como na fala.