Por que os mosquitos pican a unhas persoas e non a outras?


O artigo Por que os mosquitos pican a unhas persoas e non a outras? foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 21 de maio de 2014.



A miña nai dicíame que os mosquitos sempre me picaban a min porque teño o sangue doce. A verdade é que nunca comparei o sabor do meu sangue co doutras persoas, mais tendo en conta que os meus niveis de glicemia (azucre no sangue) son normais... non parece que sexa certo. Entón, de que depende que os mosquitos piquen a unhas persoas e non a outras?

CO2: Os mosquitos poden detectar a presenza de dióxido de carbono, o gas que expulsamos ao respirar, a unha distancia de 35 metros. Entón, canto máis dióxido de carbono exhales, máis fácil serás de detectar polos mosquitos. Quen exhala máis cantidade de dióxido de carbono? As mulleres grávidas e as persoas con sobrepeso.

Octanol: O octanol é un produto do consumo de vexetais que tamén expulsamos ao respirar. Entón, persoas vexetarianas ou cunha dieta rica en vexetais tamén serán albo dos mosquitos.

Grupo sanguíneo: Ao redor dos 85% da poboación posúen marcadores do grupo sanguíneo nas secrecións da pel e na saliva, contra os afortunados 15% sen estes marcadores. Das persoas que posúen marcadores, as do grupo 0 son máis atraentes para os mosquitos. O grupo 0 é, por desgraza, o mais común a nivel mundial, sendo deste grupo por volta dos 40% das persoas.

Alcohol: Consumir bebidas alcohólicas atrae os mosquitos. Este dato pode ser interesante se ides no verán a un festival de música como o de Ortigueira.

Entón, se es unha persoa magra que se alimenta principalmente de carne, es do grupo sanguíneo A, B ou AB e non consomes alcohol, parabéns. Se pola contra es máis ben gordiño ou gordiña, consomes moitos vexetais e alcohol e es do grupo 0... se cadra non é boa idea que vaias acampar neste verán.