Por que chaman "pavos" aos euros?


O artigo Por que chaman "pavos" aos euros? foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 13 de maio de 2014.


Pavón de papiroflexia feito cun billete de dólar. Fonte: Roc21.

Hoxe en día é común escoitar á mocidade galega chamar pavo ao euro, tanto en galego como en castelán. Mais... de onde vén ese nome? Todo ten que ver cos filmes ianquis que chegan a nós a través da dobraxe española.

Nos Estados Unidos usan a palabra buck para referirse vulgarmente ao dólar. Buck é unha palabra que se usa para nomear os machos de varias especies de animais, nomeadamente cervos e antílopes. O seu uso como sinónimo coloquial de dólar remóntase ao século XIX, e probabelmente veña da redución de buckskin (pel de cervo macho), xa que a pel era a moeda de troco entre os indios e os colonos no século XVIII.

Xa no século XX, na dobraxe audiovisual ao castelán víronse obrigados a procurar un termo para traducir a palabra buck. Resolveron utilizar unha palabra en desuso, pavo, que era un dos nomes que recibía a moeda ou billete de 5 pesetas. Entrementres, na dobraxe galega decidiron traducilo simplemente por dólar, eliminando a oposición entre o vulgarismo buck e o termo correcto dollar.

A comezos deste século implantouse o euro como moeda, cunha equivalencia aproximada de un euro, un dólar. A mocidade castelanfalante non tardou en identificar a nova moeda co pavo que ouvía nos filmes estadounidenses, xeneralizando o seu uso até mesmo ser usada en campañas do Goberno de España. Pola súa banda, a mocidade galegofalante non tivo a oportunidade de ver os filmes na súa lingua (as dobraxes galegas só se emiten na TVG, sendo excluídas de cinemas, VHS, DVD…), polo que carentes dun referente tomaron o termo castelán.

Entón, en castelán chamar pavo ao euro é un vulgarismo decalcado dun vulgarismo do inglés a través da recuperación dun arcaísmo. E facelo en galego é un castelanismo que vén dun vulgarismo do castelán decalcado dun vulgarismo do inglés a través da recuperación dun arcaísmo castelán.

E eu, que queredes que vos diga? Se teño que escoller un nome vulgar para os euros prefiro ouros, que é como lles chama a miña avoa.