[1º de abril] Facebook compra SEGA


O artigo [1º de abril] Facebook compra SEGA foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 1 de abril de 2014.


«No 1º de abril van os burros onde non deben ir»

Este artigo foi unha brincadeira do Día dos Enganos. Todo o que di é inventado.

Se por algo destacou Facebook nos seus primeiros anos foi polos xogos. Eran simples aplicacións en flash, mais o feito de poder xogar de modo social deulle unha nova volta ao concepto. Moitos outros foron detrás, como Nintendo co seu Wiiverso, mais sen a enorme base de usuarios que ten a rede de Zuckerberg é difícil chegar a callar no mercado.

E así chegamos aos novos movementos de Facebook. Hai menos dunha semana anunciaban a compra da empresa de realidade virtual Oculus VR por 2.000 millóns de dólares, no que os medios cualificaron como primeiro paso dunha incursión no ámbito dos videoxogos. Hoxe, para sorpresa de moitos, foi anunciada a compra da compañía nipona SEGA, coñecida por desenvolver sagas tan famosas como as do ourizo Sonic ou Crazy Taxi.

Mark Zuckerberg (CEO de Facebook) e John Cheng (Presidente de SEGA of America) na conferencia de prensa desta mañá.

Mais o prezo que pagou Mark non foi barato. A compra realizouse por 23.000 millóns de dólares, superando así os 16.000 que pagou por Whatsapp e situándose como a compra máis cuantiosa realizada pola rede social até a data.

Debemos entón preocuparnos? Para nada. Desde SEGA enviaron un comunicado anunciando que nada vai mudar. Continuará a desenvolver xogos para as principais plataformas e o seu acordo con Nintendo acerca da saga de Sonic seguirá vixente polo momento. Da parte de Facebook dixeron que se trataba dunha adquisición estratéxica que non mudará nada, mais non deixan de crecer os rumores dun novo centro de xogos dentro da rede social, a medio camiño entre Steam e Google Play Games.

Estará Facebook a abranxer demasiados ámbitos? Suporá isto un paso sen retorno aos xogos sociais? Voltará SEGA á primeira liña de combate no mundo dos videoxogos? Quen sabe...