5 termos médicos para a xente normal


O artigo 5 termos médicos para a xente normal foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 15 de marzo de 2014.


Imaxe sacada do vídeo da canción Paracetamoxyfrusebendroneomycin de Amateur Transplants.

Hai unha conspiración na sombra. Unha seita secreta leva séculos decidindo o destino da humanidade, ocultos á vista de todos. Reúnense en cerimonias coñecidas como congresos, onde revisan as súas sagradas escrituras, chamadas guías. Cada certo tempo, só polo pracer de ver subxugada a poboación, inventan novos protocolos, leis alleas ao poder político, mais que todo o mundo deberá acatar baixo ameazas de morte. Moitos nomes foron dados a estas persoas a través da historia. Xamáns, bruxos, curandeiros, menciñeiros... diferentes designacións para unha mesma confabulación.

No seu afán por confundir e manipular a sociedade, estes individuos desenvolveron a súa propia fala, un conxunto de termos propios que os leigos descoñecen. Pouco se sabe desta lingua mística, mais algúns termos foron recentemente desencriptados, a pesar das ameazas, por un grupo de persoas que prefire manterse no anonimato. E hoxe eu, polo ben do coñecemento público, arriscarei a miña propia vida publicando aquí eses termos.

1. Exitus

Exitus é un latinismo, e significa literalmente saída (si, como no inglés exit). Na linguaxe médica esta palabra é usada como sinónimo de morte. Deste xeito, se estás a piques de someterte a unha operación e escoitas que o cirurxián di "xa levo tres exitus no que vai de mañá" non te alegres do bo e exitoso que é o teu médico...

2. Idiopático

Un profesor meu afirmou nunha ocasión que a palabra idiopático vén do grego ídios, "non teño nin idea", e páthe, "quen me dera sabelo". Realmente ídios significa "propio" e páthe "doenza", ou sexa, unha doenza que aparece por causa do propio corpo. Mais tanto ten a etimoloxía, a verdade é que a explicación do profesor é a máis acaída. Se unha médica che di que a túa afección é idiopática, é que non ten nin idea de onde vén.

3. Iatroxénico

Do grego iatrós, "médico" e génos, "orixe". Unha doenza iatroxénica é unha doenza resultado dun acto médico. Puido ser como efecto secundario dun tratamento, como mal menor na procura dun ben maior, ou por neglixencia. Tanto ten, o caso é que se un médico che di que tes unha afección iatroxénica, a túa reacción debe ser mirar para el con cara de sospeita e dicir "Olliño, eh? Que te teño vixilado...".

4. Nosocomial

Do grego nósos, "doenza" e kómeo "coidar", fórmase a palabra nosocomio, que significa "hospital", e de aí o adxectivo nosocomial, "relativo ao hospital". Unha infección nosocomial é aquela que colleches no hospital, porque cha contaxiou a paciente do lado, porque o médico non lavou as mans antes de te atender, ou porque o quirófano non foi ben desinfectado. Cando un médico che diga isto, tes que pedirlle xentimente que che mostre as mans, mirar para elas con cara de desaprobación e dicirlle "Non che están alá moi limpas... e laváchelas ben antes de vir onda min?".

5. Incidentaloma

Vén da palabra incidental máis o sufixo -oma, que significa tumor. Entón, un incidentaloma é un tumor que che viron por casualidade cando che estaban a mirar outras cousas non relacionadas. É importante resaltar que, desta vez, non é culpa do médico. Deixa de cagarte nos herdeiros de Hipócrates e alégrate de que cho encontrasen antes de que fose algo máis grave.