Consello #03: Como evitar que os profesores che pregunten


O artigo Consello #03: Como evitar que os profesores che pregunten foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 13 de outubro de 2013.


Se no medio da aula un profesor che fai unha pregunta, pode ser que non saibas a resposta ou que cos nervios non deas respondido. Haberá profesores aos que un "non sei" lles chegue, pero todos nós sabemos que hai outros que se non respondes farán por deixarche en ridículo e mandarche traballos para a casa. E ninguén de nós quere iso, non é? Pois atende ben estes consellos...

- Escolle ben onde sentar

Sentar na primeira fila é un erro obvio, mais tamén o é sentar na última. En xeral, evita sentar onde o profesor poida chamar a túa atención dando un golpiño na túa mesa ou tocándote no ombro. Se tes dúbidas, olla o seguinte gráfico, onde as liñas grises son os corredores por onde o profesor pode camiñar, os X vermellos os lugares perigosos e os V verdes os sitios seguros.


- Non leves roupa de cores rechamantes nin características distintivas

A camuflaxe non é só cousa da guerra. É común nos profesores preguntar sinalando e dicindo "tu, o de vermello", "a rapaza de azul", "o do xersei a raias" e cousas do estilo. Evita isto levando roupa con cores neutras e que sexa dificilmente descritíbel.

- Non baixes a cabeza sen máis, finxe estar a escribir

Aínda que a técnica de finxir escribir é xa pouco efectiva, polo menos así se che pregunta poderás pedirlle xentilmente que che repita a pregunta, gañando tempo para pensar unha resposta que dicir. É importante non baixar a cabeza sen máis, xa que o profesor non é parvo, verá que estás evitando a súa mirada e irá por ti.

- Se preguntan ao compañeiro do teu lado, prepárate

Di o refrán Cando vexas as barbas do veciño a arder, pon as túas de mollo. É probábel que, se o compañeiro do teu lado non sabe a resposta, che toque a ti recibir o rebote como nun concurso da TV. Por iso é importante que andes con ollo e busques desesperadamente a resposta nos teus apuntamentos mentres o teu colega titubea. E oes, se a encontras a tempo tamén podes ser solidario e chivarlla!

- Se todo falla, pon cara de póker e responde seguro de ti mesmo

A pesar de todo o esforzo, pode ser que sexa o teu sino ser preguntado. Nese caso, o importante é non perder a calma e responder seguro de ti mesmo. Para gañar tempo podes pedir xentilmente ao profesor que repita a pregunta, e acto seguido repetila a modo de afirmación con outras palabras. Mentres fas isto pon cara de moita concentración ao tempo que botas unha ollada de esguello aos apuntamentos e dás un toquiño ao teu compañeiro para que cho chive.

E se nada funciona e non che vén á cabeza nada minimamente coherente que dicir, solta un "non sei" moi convencido, sen titubear e mantendo o contacto visual. Se cheira o teu medo cebarase contigo, se te ve firme deixarate e irá coa pregunta a outra presa máis débil.



Actualización: Acaban de lembrarme polo Twitter unha técnica que faciamos nós con certo profesor. Para evitar que andase entre as mesas, bloqueabámoslle o paso pondo mochilas, abrigos, bolsos e cousas do estilo no chan. Ben é certo que algunhas veces chegou a saltar por riba das barreiras anti-profes, pero... e o gracioso que é ver saltar a un profesor?