Día 64: As 5 fases da angustia previa ao exame


O artigo Día 64: As 5 fases da angustia previa ao exame foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 4 de setembro de 2013.



1. Despreocupación

"Buff... co bo día que vai hoxe vou ir á praia, total, aínda teño tempo para estudar"

Esta fase ten lugar semanas antes do exame. Durante este tempo o exame parece unha cousa etérea e distante, e calquera escusa é válida para non estudar.

2. Planificación

"Vamos ver, estudo 4 temas cada día, descanso a fin de semana, e aínda me resta a última semana para repasar e mirar exames..."

Conforme se achega a data do exame, tipicamente unha ou dúas semanas antes, o estudante decide que é o momento de se dedicar seriamente a estudar. Para iso estabelece un planning perfecto do que vai mirar cada día e prométese a si mesmo cumprilo baixo calquera circunstancia... só que non o fai.

3. Desafío

"O exame dentro de tres días e aínda non mirei a metade dos temas... Vou estudar até que me sangren os ollos! Vou botar os tres días sen durmir se é preciso, pero ese exame apróboo!"

O exame é inminente e o estudante, desorganizado e nugallán, non estudou o que debía ter estudado nesta altura. Lonxe de sentirse vencido, rétase a si mesmo pensando en realizar un esforzo moi alén das súas posibilidades. Obviamente, acaba por verse superado polas circunstancias e fallando no seu desafío.

4. Desesperación

"AAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAHHHHHHHHH! VAMOS MORRER CASE TODOS!"

O día antes do exame, o noso benquerido estudante encóntrase con que non estudou nin unha décima parte do que debía ter estudado para poder ter unha ínfima posibilidade de aprobar. O estudante comeza a facer cábalas e predicións sen fundamento ningún para así poder ignorar temas completos "que seguro que non entran". Nos últimos momentos desta fase o estudante xa perdeu calquera contacto coa realidade e fará calquera cousa que crea necesaria para aprobar. Téñense dado casos de estudantes que chamaron a Sandro Rey na madrugada antes dun exame, chorando desconsoladamente, para pedirlle que adiviñase as preguntas que ían caer.

5. Resignación

"Bah, vou e fago unha quiniela, por ver se hai sorte... e se non polo menos vexo como é o exame e para a próxima convocatoria xa o levo ben preparado."

O estudante entra ao exame coa mesma actitude que un paciente ao que van facer un tacto rectal. Non vai ser agradábel, mais a vida é así.