Día 41: 5 libros


O artigo Día 41: 5 libros foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 12 de agosto de 2013.


Hoxe, en lugar de falar do meu estudo da Reumatoloxía (que me entra tanto no MIR como no exame de Médica 3), vouvos recomendar 5 libros. Talvez non sexan os mellores dos que teño lido, nin os que máis marcaron a miña vida, mais son os 5 libros que recomendaría á xente que pedise a miña opinión. A orde na que os coloquei foi aleatoria, non quere dicir que recomende máis o primeiro que o último.


Guia do autostopista galáctico
(The Hitchhikker's Guide to the Galaxy)

«Por exemplo, no planeta Terra, o ser humano sempre asumiu que era máis intelixente que os golfiños por ter realizado grandes proezas, tales como a roda, Nova York ou as guerras, mentres que o único que fixeran os golfiños fora perder o tempo e pasalo ben. Pola contra, os golfiños sempre creron que eles eran moito máis intelixentes que os humanos precisamente polos mesmos motivos.»

Este libro é a primeira parte dunha triloxía de cinco libros sobre as aventuras polo espazo de Arthur Dent. Lamentabelmente, só o primeiro deles está traducido ao galego por 2.0 editora, mais sen dúbida é o mellor de todos. Hai tamén un filme baseado no libro, mais modifican demasiadas cousas para o meu gosto.

Tres segundos de memoria

«Odio os domingos pola tarde con todas as miñas forzas. Unha cefalea casada cun ardor de estómago provócame pensamentos suicidas, e téñolle envexa aos colegas que pasan a tarde dominical aplicándose a prácticas sexuais heterodoxas. Non paro de tusir, e cando trago saliva parece que tivese un coitelo atravesado na gorxa.»

Diego Ameixeiras ten moitos libros moi bos, como Asasinato no consello nacional, mais se cadra o que me deixou mellor sabor de boca foi Tres segundos de memoria. O libro conta o día a día dun desempregado de trinta anos que narra a súa vida desde o post-fracaso. Podedes descargar un .pdf co primeiro capítulo se tendes curiosidade.

Lo mejor que le puede
pasar a un cruasán

«Lo mejor que le puede pasar a un cruasán es que lo unten con mantequilla: eso pensé mientras rellenaba uno abierto por la mitad con margarina vegetal de oferta, me acuerdo. Y me acuerdo también de que estaba a punto de hincarle el diente cuando sonó el teléfono. Lo hice, a sabiendas de que tendría que contestar con la boca llena.»

Un libro xenial pouco coñecido. Conta a historia de Pablo Miralles, un folgazán, inadaptado e ironico que vive do diñeiro do pai e do irmán. A certa altura o seu irmán desaparece e o seu pai é atropelado, feitos que Pablo se porá a investigar. Existe unha adaptación cinematográfica, mais é bastante mediocre, polo que vos recomendo o libro encarecidamente. Se vos interesa, podedes ler online o primeiro capítulo.


Orixe

«Era imposíbel imaxinar o que está sucedendo, dixemos. Era imposíbel imaxinar isto, diremos. Non sei, din que talvez se cumpra unha parte proporcional dos nosos soños se os soñamos xuntos. Necesitamos instrucións para soñar ao mesmo tempo, unha convocatoria para soñar xuntos á mesma hora, un método para a produción social de soños. Se fabricamos coitelos en cadea, por que non Liberdade? É o seguinte paso na evolución da especie. E conseguirémolo mirándonos aos ollos.»

Séchu Sende ten varios libros xeniais como Made in Galiza ou O Caçador de Bruxas (que podes ler gratis online), mais Orixe é especial. O mundo será mellor o día que todos poñamos un traxe de apicultor. Podedes ver fragmentos do libro no Google Books.




Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados

Despois de tanta narrativa, un libro de poesía. Por desgraza está descatalogadísimo, só podedes encontralo na biblioteca de Filoloxía da USC ou descargar esta escolma dalgunha das poesías en .pdf. Sobre o contido, mellor ca min váivolo contar Carlos Blanco no seguinte vídeo.