Día 31: Me sube la bilirrubina


O artigo Día 31: Me sube la bilirrubina foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 2 de agosto de 2013.



Vamos analizar a letra da canción, estrofa por estrofa:

Oye, me dio una fiebre el otro día
por causa de tu amor, cristiana,
que fui a parar a enfermería 
sin yo tener seguro de cama.

Vemos un doente que acode ao médico por un cadro febril. Por causa dos recortes en sanidade, non conta cun seguro médico que o cubra e vese obrigado a recibir unha asistencia de baixa cualidade.

Y me inyectaron suero de colores, ey, 
y me sacaron la radiografía,
y me diagnosticaron mal de amores, uh,
al ver mi corazón como latía.

Na enfermaría colócanlle unha vía con soro. Posteriormente fanlle unha radiografía, aínda que non especifica a zona do corpo. Supondo que se trate dunha radiografía de tórax, pode ser que tentasen descatar unha patoloxía de orixe pulmonar, xa que unha pneumonía podería ser a orixe da febre. Acto seguido observan algún tipo de alteración na auscultación cardíaca, mais todo parece apuntar que se trata dunha alteración que entra dentro da normalidade. O doente, de baixo nivel cultural, asocia esa alteración ao "mal de amores".

Oye, y me trastearon hasta el alma,
con rayos equis y cirugía,
y es que la ciencia no funciona,
sólo tus besos, vida mía.

Aquí parece dar a entender que é sometido a algún tipo de intervención cirúrxica, da que non dá máis datos. É sometido a máis probas de imaxe por raios X, probabelmente TAC. Non hai explicación do tipo de doenza que é, mais tendo en conta datos que dá na seguinte estrofa, supomos que se trata dunha cirurxía de fígado. Probabelmente o doente teña un hepatocarcinoma, diagnosticado na TAC, e a operación fose a resección do tumor. Aínda así, entendemos que a resección non foi suficiente e que houbo unha recidiva, polo que o doente renega da ciencia médica e procura terapias alternativas.

Ay negra, mira, búscate un catéter, ey,
e inyéctame tu amor como insulina,
y dame vitamina de cariño, ¡eh!,
que me ha subido la bilirrubina.

Ao abandonar as terapias convencionais e abandonarse ás terapias alternativas baseadas en bicos, amor e cariño. Sen tratamento médico, o tumor continúa aumentando e os niveis de bilirrubina aumentan. Neste punto a ictericia do doente estaría en niveis altísimos e a súa pel tería unha obvia coloración amarela.

Ay...

O doente quéixase de dor, seguramente dor abdominal por causa do hepatocarcinoma.

Me sube la bilirrubina,
¡ay! me sube la bilirrubina, 
cuando te miro y no me miras, 
¡ay! cuando te miro y no me miras,
y no lo quita la aspirina,
¡no! ni un suero con penicilina,
es un amor que contamina,
¡ay! me sube la bilirrubina.

O doente parece decatarse da ineficacia da terapia alternativa e preocúpase polos seus críticos niveis de bilirrubina. Desesperado, tenta tratarse con medicamentos aleatorios que encontra pola casa, como aspirina e antibióticos. Obviamente, estes medicamentos non teñen efecto ningún. Ao pouco, o fígado falla, pero por causa das metástases extrahepáticas o transplante está contraindicado. O doente acaba por falecer.

En resumo: A canción "Me sube la bilirrubina" narra a historia dun doente cun hepatocarcinoma que, despois dun primeiro tratamento médico sen éxito, renega da Medicina e abandónase ás terapias alternativas, o que acaba por causarlle a morte.

Actualización: Despois de discutir o caso con outros médicos, a miña colega Cynthia apunta que podería tratarse dunha hepatite viral. Apoia a súa hipótese o comezo con febre, a idade nova do doente e o seu estilo de vida. Nese caso a TAC sería usada para ver hipodensidade por infiltración graxa e a cirurxía trataríase dunha biopsia por hepatitis non filiada. Quedamos á espera da autopsia para confirmar unha ou outra hipótese.