Día 29: Facebook, déixame ir!


O artigo Día 29: Facebook, déixame ir! foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 31 de xullo de 2013.


Dicía unha famosa canción "Please release me, let me go". E iso é o que lle cantaba eu ao Facebook á tarde, mentres dubidaba seriamente se non serei un replicante e non un humano.

Veredes, nestes dous últimos anos fun o bolseiro de Informática do Burgo das Nacións, a residencia onde vivo. Entre os meus labores está o de Community Manager, que é o xeito fino de chamar ao prosma que actualiza o Facebook e o Twitter. Como só me falta un mes para deixar a residencia (xa farei unha entrada nostálxica neste blogue chegado o momento) estiven a axeitar as contas para deixar todo preparado para a persoa que ocupe o meu lugar. E foi aí onde me decatei dun par de cousas acerca do Facebook.

Para comezar, a opción de eliminar a conta non aparece por ningures. Só aparece a de desactivala, que significa que estará "hibernando" até a próxima vez que inicies sesión, momento en que a conta se reactivará ao instante con todo tal como o tiñas. Ou sexa, que é unha estafa. Existe, si, a opción de eliminar a conta, pero para dar con ela tiven que rastrexar medio Google. Baséase en acceder a este enderezo, que non é fácil de encontrar, (https://ssl.facebook.com/help/contact.php?show_form=delete_account) e eliminar aí a conta. E mesmo así os moi arteiros manteñen unha marxe de 15 días antes de eliminala de vez, por se queres volver activala.

Mais a vida non é tan sinxela, e os do Facebook sábenas todas. Cando pensas que xa está todo feito e que podes abandonar a rede social, Mark Zuckerbeg ten unha última proba, o captcha das tebras. Os captchas son esas palabras que poñen nos formularios para comprobar que es unha persoa e non un programa informático que faga contas falsas para enviar spam. Entón, para que vexades do que falo e comprendades a miña indignación, vouvos pór dúas capturas de pantalla.

En primeiro lugar, o captcha requirido para facer unha conta nova no Facebook. Sinxelo, non é?


E en segundo lugar, o captcha das tebras, o que che piden para eliminar unha conta do Facebook.


Non teño nada máis que dicir.