Día 26: Link's Awakening


O artigo Día 26: Link's Awakening foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 28 de xullo de 2013.



Cando era un púber que comezaba a ESO deixáronme durante uns días o xogo The Legend of Zelda: Link's Awakening DX da Game Boy Color. Lembro xogar incansábel horas e horas até chegar ao pé do Wind Fish Egg, última masmorra onde se oculta o xefe final. Por desgraza, antes de que puidese vencelo, tiven que devolver o xogo. Deste xeito, unha parte da miña vida ficou inacabada... até hoxe.

Desde hai varias semanas, antes mesmo de comezar o estudo do exame MIR, deume por rememorar vellos tempos e descargar o xogo para o emulador. E mentres vagaba despreocupado polas primeiras zonas, veume á idea un pensamento... e se paso o xogo completo? Así recomezou a miña aventura por Koholint Island, desta vez sen nada que me detivese.

Ao longo destas semanas eu só, sen a axuda de ningunha guía, dei pasado todas as masmorras, coleccionado 19 shells, encontrado 8 fragmentos de corazón e derrotado o xefe final. Mais hoxe, antes de dar o xogo por concluído, decidín ir un pouco máis alén. Deste xeito, xa coa axuda dunha guía, conseguín o 1 shell e os 4 fragmentos de corazón restantes para obter a espada de nivel 2 e todos os contentores de corazón. Unha vez feito isto, fun de novo onde o xefe final e derroteino sen piedade, facendo as capturas que vedes na imaxe que preside esta publicación.

Só me quedou a pena de non ter conseguido todas as fotografías do álbum (para iso hai que facer determinadas cousas en determinados momentos, e non souben diso até que era tarde de máis) e de non ter pasado o xogo sen morrer nin unha vez para desvendar a escena extra (non o souben até que o lin na guía, xa co xogo acabado). Mais estes detalliños non interesan e non ensombrecen o feito de que o dei acabado o xogo definitivamente. E vós non.

SPOILERS: O final do Link's Awakening é o mesmo que o de Los Serrano. Todo resulta ser un soño do protagonista. Afortunadamente, a música composta por Kazumi Totaka para o xogo é ben mellor que as cancións de Fran Perea e Santa Justa Klan.