Día 2: Á procura da revisión perdida


O artigo Día 2: Á procura da revisión perdida foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 4 de xullo de 2013.


Todo comezou hai uns días, cando recibín esa estraña mensaxe no móbil. No canto dun número de teléfono, o remitente identificábase cunhas estrañas siglas, USC.NOTAS. Ese detalle foi o que me fixo sospeitar desde o principio. Se puidese voltar atrás no tempo non o faría, mais unha persoa curiosa coma min non puido resistir a tentación de ver que dicía a mensaxe.

O texto era simple, mais parecía seguir unha estrutura determinada. Primeiro aparecían uns números en aparencia aleatorios, seguidos do nome dunha das materias que cursei neste último ano. Logo despois, en letras maiúsculas, destacaba sobre o resto da mensaxe a palabra SUSPENSO.

— Suspenso... — pensei mentres apuraba o café — iso non é nada bo...

Mais a mensaxe non terminaba aí, e ao tempo que os meus dedos deslizaban a pantalla do móbil o resto da mensaxe se mostrou ante min: Revision:4.7.13, 9 h. Pousei lentamente a caneca de café na mesa do escritorio, incorporeime e fiquei un anaco mirando fixamente para o texto.

— Revisión, o meu vello arquiinimigo... — pronunciei en voz alta, cun ton grave para resaltar a intensidade das miñas palabras — pensei que xa me librara de ti.

Os números non deixaban lugar a dúbidas, tratábase dunha referencia temporal. A primeira cifra indicaba o día, a segunda o mes, as dúas seguintes o as decenas e unidades do ano, e por último a hora. As 9 horas da mañá do 4 de xullo de 2013. Comprobei a data actual no computador, 28 de xuño. Saquei a axenda e anotei coidadosamente o meu recén adquirido compromiso. Acto seguido, gardei a axenda e o bolígrafo e dirixinme ao exame de Dermatoloxía, o último da licenciatura, esquecendo por un tempo o arrepiante suceso que acababa de vivir.

...

6 días despois acordei na cama, empapado en suor. O ambiente estaba tenso, rarefeito, mais non souben dicir por que. Mirei no móbil, as 7h da mañá do 4 de xullo. Sabía que o momento de verme cara a cara coa miña némesis estaba a piques de chegar. Nesa mañá, a ducha emitía un ruído desacougante e o café sóubome máis metálico do habitual. Non souben ler as pistas que a natureza me estaba a dar. Vestinme, e saín pola porta, con paso firme e decidido.

O bus non pasou pola parada á súa hora habitual. Esperei un tempo prudencial, convencéndome de que se trataba dun atraso sen importancia, mais no fondo do meu ser sabía que non era así. Cando aceptei a realidade e quixen encontrar unha explicación lóxica, decateime de que a resposta estivera soprándome na caluga todo ese tempo. Vireime e mirei o cartaz cos horarios do bus.

— Merda! — maldixen — Os buses xa están co horario de verán!

Un rápido cálculo mental mostroume que a única maneira de chegar á hora indicada era camiñar. E emprendín así o meu camiño. 40 minutos máis tarde estaba alí, desabafado, diante desa fortaleza inexpugnábel que ten por nome Hospital Clínico.

O meu camiño guiárame até alí, mais unha vez atravesei as portas non sabía onde tiña que dirixirme. Vaguei sen rumbo cal nómade, atravesei servizos e consultas, enfrenteime a terríbeis monstros que me falaban con desdén e me daban indicacións erradas... mais ao final cheguei. No máis baixo do subsolo, atravesando un corredor mal sinalado, chamando á campaíña dunha porta sen cartaz e sorteando un laboratorio onde estaban a realizar experimentos con animais vivos... alí é onde estaba. A fila de inquietos estudantes a tremer indicaba que ese era sen dúbida o lugar certo.

Despois de esperar pacientemente a miña vez, coa calma coa que os porcos esperan o San Martiño, entrei no cuarto do terror. Ali sentado, cun sorriso na cara, erixíase o coordinador da materia, o máis poderoso entre os profesores.

— Podo ver aquí que tes un 64% no exame — dixo con voz serena e pausada — e sabes ben que o aprobado está no 70%. Entón... que é o que ves facer aquí? Ves para que che bote a bronca?
— Non... viña ver se había algún xeito... — dixen con voz titubeante — algún modo de poder... é que teño que estudar o MIR... e suspendín por moi pouco... e...
— Non hai nada que se poida facer, terás que vir en setembro.

E así foi como fun sentenciado a ir ao exame de Médica III (que inclúe Neuroloxía, Neurocirurxía, Traumatoloxía, Reumatoloxía e Xeriatría) o día 16 de setembro. Unha pequena pedra no meu camiño ao exame MIR.