Día 1: Estala o duelo


O artigo Día 1: Estala o duelo foi publicado orixinalmente n'As MIR e unha noites en 3 de xullo de 2013.


O exame MIR é unha proba de avaliación para poder acceder á formación nunha especialidade da Medicina no Estado español. O exame realízase unha vez ao ano, polo mes de febreiro, e preséntanse por volta de 14.000 persoas licenciadas en Medicina para acceder a unhas 6.000 prazas de formación. Cada unha desas persoas que se presentan ao exame teñen que estudar duro e prepárarense para obter a praza que queren. E cada unha delas ten unha historia que merece ser contada. Pois ben, esta é a miña historia.

Neste blogue vou contar a miña experiencia nestes 9 meses que me esperan de preparación do exame. Narrarei as miñas vivencias, queixareime frecuentemente da miña situación e das miñas frustracións, e pode que tamén conte cousas divertidas para compensar. Así, dentro duns anos, poderei ollar para atrás e lembrar como foi esta etapa. E se a alguén que estude Medicina lle é útil ler a miña historia para saber ao que se enfrenta, estarei encantado de servir de axuda.

Eu son un estudante de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe ainda non estou licenciado, fáltanme aínda as notas destes últimos exames, mais é probábel que teña que ir a setembro con algunha materia. E para deixar constancia, direivos que non son un estudante nada modélico, xa que entre outras cousas estou a acabar a licenciatura en 7 anos, un ano máis do que debería.

O meu obxectivo é simple, ser pediatra en calquera hospital galego. Para iso, baseándome nos datos dos últimos anos, necesitaría quedar nun posto superior ao 3.000, o que implicaría acertar como mínimo 140 das 235 preguntas que compoñen o exame. Vendo os números pode parecer fácil, máis crédeme se vos digo que é difícil de carallo.

Para preparar o exame vou á Academia AMIR, mais existen outras opcións, nomeadamente o Grupo CTO e MIR Asturias, que son igual de boas. A principal diferenza é que AMIR e CTO teñen un sistema polo cal asistes ás aulas aos sábados e o resto da semana estudas pola túa conta, mentres que en MIR Asturias tes aulas todos os días, sendo máis intensivo. Explicado isto, vou deixar de facer propaganda.

Nunha próxima publicación falarei do método de estudo que vou levar neste tempo todo. Até entón, saudiña!