Novas sobre os próximos xogos de Sonic


O artigo Novas sobre os próximos xogos de Sonic foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 18 de maio de 2013.


Sonic the Hedgehog para Android e iOS



Como xa anunciaban os nosos compañeiros de Código Cero, SEGA acaba de publicar o xogo de Sonic primixenio para móbiles. E por unha vez os de SEGA fixeron as cousas ben, cunha versión mellorada, e non as emulacións trapalleiras ás que estamos afeitos (o Sonic Classics Collection da DS aínda me provoca náuseas...). Así, teremos a primeira aventura do ourizo a 60 fps, formato panorámico, e con interesantes engadidos como usar a Tails ou a Knuckles. Todo isto por 2,81€ na Google Play Store e na App Store.

E as novidades móbiles non acaban aquí, senón que xa hai rumores de que están a preparar algo semellando para o Sonic the Hedgehog 2. E sumade a isto a versión mellorada do Sonic CD, que está dispoñíbel desde hai tempo por 2,80€ (Google Play, App Store). Sen dúbida, non habedes de encontrar forma mellor de rexogar estes clásicos... a non sei que teñades unha Mega Drive, claro. Todos os xogos lucen máis bonitos se se xogan na súa plataforma orixinal.

SEGA e Nintendo, do odio ao amor hai só un paso


Atrás fican os tempos de rivalidade entre segueiros e nintendeiros. Os tempos do "Genesis does what Nintendon't". Tempos de loitas encarnizadas entre quen defendía a supremacía do ourizo azul e quen vivía enganado pensando que un fontaneiro italiano podía ser mellor. Todo iso xa pasou. Hoxe en día Nintendo e SEGA camiñan de mans dadas pola rúa mentres ollan un para o outro con cariña romántica.

Aonde quero chegar? Pois a que SEGA e Nintendo asinaron unha colaboración pola cal sairán 3 xogos exclusivos de Sonic para as consolas de Nintendo. Isto significa que haberá 3 novos xogos do ourizo para a Wii U e/ou a 3DS que non sairán en ningunha outra plataforma.

Deses 3 xogos exclusivos de Nintendo sabemos o seguinte:
  • Dun deles non se falou nada, non se sabe que é o que estarán a argallar.
  • Outro deles, presentado no Nintendo Direct do 17 de maio, será un novo Mario & Sonic nos Xogos Olímpicos de Inverno para a Wii U. Non moita cousa...
  • E o terceiro deles será o Sonic Lost World, do que imos falar no seguinte apartado.

Sonic Lost World


Antonte no web TSSZ filtraban a nova de que SEGA rexistrara o dominio www.soniclostworld.com. E onte mesmo a propia SEGA, desde a súa páxina do Facebook, publicaba o seguinte:


No Nintendo Direct que mencionamos antes, o mestre Satoru Iwata dixo que sería un "xogo de acción, plataformas e aventuras exclusivo para Wii U e 3DS" e que teríamos máis información acerca del no E3. Que podemos agardar del, un xogo bo ou un fiasco?

Continuaremos a informar.