[1º de abril] Presentación da PS4 na Cidade da Cultura de Compostela


O artigo [1º de abril] Presentación da PS4 na Cidade da Cultura de Compostela foi publicado orixinalmente en Memoria Pixelada en 1 de abril de 2013.


«No 1º de abril van os burros onde non deben ir»

Este artigo foi unha brincadeira do Día dos Enganos. Todo o que di é inventado.


A Fundación Cidade da Cultura de Galicia vén de anunciar que a presentación oficial da nova videoconsola de Sony, terá lugar na capital galega. Despois de aprobar a paralización definitiva das obras no Parlamento Galego, o conselleiro de Cultura, Anxo Lorenzo, presenta esta nova como «un pulo para demostrar a utilidade da Cidade da Cultura ante aqueles que só souberon criticala».

A pesar dos ataques da oposición, a CdC demostra unha vez máis ser todo un referente grazas a empresas como Sony.

— Anxo M. Lorenzo (@alorenzo64)

Desde Sony aínda non houbo un pronunciamento oficial, mais na web estadounidense GameSpot adiantan os motivos. Os executivos da Sony ven cada vez máis importante o mercado europeo, dado o esmagador triunfo de Nintendo no Xapón e de Microsoft nos EUA. «Que a presentación ía ser en Europa non sorprende a ninguén», comentan desde GameSpot. Mais... por que Compostela e non outra capital europea? Máis unha vez, a dita web apunta que «o Camiño de Santiago sempre foi un punto de unión para os europeos, unha metáfora perfecta para definir a súa nova política de márketing».

O novo control da PS4, presentado o 20 de febreiro no
PlayStation Meeting, do que demos parte desde esta web
Pola súa banda, A Mesa pola Normalización Lingüística xa encetou unha campaña para que Sony aproveite a conxuntura para «deixar de dar as costas á lingua e cultura de Galiza». O colectivo reclama a Sony que a interface da nova consola inclúa o galego entre as súas opcións, e que desde a empresa se promova a tradución dos xogos ao galego, «unha pexa na normalización da nosa lingua entre a mocidade».

Descoñécese aínda a data da presentación, así como os detalles da mesma, mais os rumores apuntan que será por volta de xuño. Espérase unha comunicación oficial de Sony ao longo desta semana. Pola nosa banda, desde Memoria Pixelada informaremos de todo o que vaiamos coñecendo, e tentaremos entrar en contacto con Sony para conseguir pases de prensa ao evento. Atendede ás novas que vaiamos anunciando polo Twitter.