O Xabarín Club non soubo canalizar o fenómeno á Internet, que é o presente


A entrevista O Xabarín Club non soubo canalizar o fenómeno á Internet, que é o presente foi publicada orixinalmente no Praza Pública en 15 de marzo de 2013.


"O Xabarín Club non soubo canalizar o fenómeno á Internet, que é o presente"


Despedida na conta de twitter oficial de Xeración Xabarin
Jon Amil era o responsable de Xeración Xabarín, a web de que se viu obrigada a pechar polo requerimento da CRTVG. Falamos con el sobre o sucedido e sobre o fenómeno xabarín.

"Non imos gastar máis tempo e esforzo en promover e promocionar un espazo cando os seus lexítimos donos nos trataron deste xeito"
Despois do peche da web estás pensando nalgunha outra iniciativa que pase por riba desas limitacións de dereitos de autor ás que aludia a CRTVG? Cumpriria estruturar o grupo de fans do xabarin?

Cando comezamos a facer a web do Xabarín foi desde a nosa admiración polo clube e polo que significaba para nós. De feito, sempre pensamos que desde a TVG sabían de nós e, aínda que non nos apoiasen, facían a vista gorda. Recibir un requirimento como o que nos enviaron foi un golpe moi duro. Podían ternos dito polas boas que mudásemos o nome da web ou que fixésemos as alteracións que lles parecesen oportunas, que nos iamos acceder. Mais preferiron botarnos todo abaixo.

Entón, non, non imos facer nada para volver levantar a web do Xabarín. Non imos gastar máis tempo e esforzo en promover e promocionar un espazo cando os seus lexítimos donos nos trataron deste xeito. Preferimos embarcarnos noutros proxectos.
E si, ao Xabarín Club sempre lle fixo falta adptarse aos novos tempos. Non soubo canalizar todo o fenómeno á Internet, que é o presente.

"Eu crieime en Vigo, onde as crianzas xa non é só que non falasen galego, é que non o sabían falar. Cando apareceu o Xabarín, de súpeto, vías cantar as cancións do Xabarín no parque e nas escolas"

Váleche a argumentación da CRTVG de que segue habendo Xabarin Club na TVG2?

Non, en absoluto. Se algo descubrín levando a conta do Twitter da Xeración Xabarín é que a xente non sabía nin que aínda se emitía o Xabarín Club. Era eu quen informaba de horarios, das novas series que se emitían ou da dispoñibillidade de certos programas na TVG á carta.

Ao fío do que dicía sobre o fenómeno Xabarín na Internet, paréceme moi triste que non estea presente nas redes sociais, como si están outros programas da TVG. E non só iso, se non que algo tan básico como a información para afiliarse ao Xabarín Club, simplemente, non existe na Internet. O porco bravo merece unha web propia á medida, cun canal de youtube onde suban os anuncios, novidades e espazos de produción propia, unha conta do Twitter e Facebook onde dean boa conta de todas as novidades... e, en xeral, un pouco de interese por parte dos directivos da CRTVG.

"Para min a miña infancia e o Xabarín Club son unha mesma cousa. Aínda hoxe, cando escoito sintonía do Xabarín, teño a sensación de que en calquera momento vai vir a miña nai co bocata de nocilla"

Existe unha Xeración Xabarin? A ti en que che influiu o clube?

Sen dúbida, existe. Eu crieime en Vigo, onde as crianzas xa non é só que non falasen galego, é que non o sabían falar. Cando apareceu o Xabarín, de súpeto, vías cantar as cancións do Xabarín no parque e nas escolas, vías os nenos xogando ao Son Goku gritando "Onda vital... XA!" e cousas do estilo. O clube axudou a que a nosa xeración tivese consciencia da nosa cultura, mesmo facendo sacar o orgullo galego ao dicir que a dobraxe das series é moito mellor na nosa lingua.

A min, persoalmente, en moitos aspectos. Grazas aos videoclips de A Cantar con Xabarín descubrín que existía música de todos os estilos feita en galego. Ver as cancións de grupos portugueses e mesmo angolanos ensinoume que a nosa lingua é mundial. E, á parte disto, marcoume moito no plano sentimental. Para min a miña infancia e o Xabarín Club son unha mesma cousa. Aínda hoxe, cando escoito sintonía do Xabarín, teño a sensación de que en calquera momento vai vir a miña nai co bocata de nocilla.

"Hoxe en día faise máis música en galego ca nunca, mais nos propios medios de comunicación públicos é sistematicamente marxinada"

Música, banda deseñada, lingua entre a mocidade... O Xabarin supuxo un impulso para a cultura galega. Cómpre recuperar ese espirito de cultura en rede e de creación dunha identidade galega ligada á modernidade e sen mirar para outros referentes?

Sen dúbida. Hoxe en día faise máis música en galego ca nunca, mais nos propios medios de comunicación públicos é sistematicamente marxinada. Houbo momentos en que parecía que ía mudar esta tendencia, como na época do xenial Aberto por Reformas na RG, mais todo ficou en auga de castañas. Algo tan sinxelo como uns minutos musicais no medio das pausas publicitarias da TVG, pondo videoclips de grupos que cantan en galego, penso que xa suporía un avanzo. Tamén é sintomático que nos anuncios actuais do Xabarín Club soen de fondo temas estranxeiros. Mesmo nun anuncio de Dragon Ball Kai soaba o tango Volver. Que non teño nada contra o tango, mais acórdanme vinte cancións en galego que poderían usarse no seu lugar.

Tamén na banda deseñada, e na literatura en xeral, onde é máis fácil é máis fácil encontrar a versión en castelán da obra dun autor galego que a propia obra en galego. Neste ámbito penso que o salto á era dixital ofrece unha oportunidade moi boa, facilitando a distribución das obras. Claro que fai falta que as editoriais galegas entendan a mudanza de ciclo e non vendan as edicións dixitais dos seus libros a 20€, como veñen facendo.

"A Xeración Xabarín non só somos os rapaces que nos criamos vendo o Xabarín. Tamén o son as nais e os pais desa xeración que viron o Xabarín canda os seus fillos e redescubriron a cultura galega"

Estás de acordo en que esa Xeración Xabarin vai mesmo máis alá das idades que eran adolescentes ou nenos cando se emitia o programa?

A Xeración Xabarín non só somos os rapaces que nos criamos vendo o Xabarín. Tamén o son as nais e os pais desa xeración que viron o Xabarín canda os seus fillos e redescubriron a cultura galega. Miña nai, que é vasca, aínda hoxe usa expresións como "cu de pandeiro" ou "peto máxico". E mesmo sei de avoas que se esmendrellaban vendo o Shin Chan cos netos. A diferenza é que a xeración actual xa non ten ese referente claro. Ante o desleixo da TVG, os nenos de hoxe en día prefiren ver canais infantís como Boing, Disney Channel ou Clan. E se xa desde pequenos viven de costas á nosa lingua, mal futuro terán.

Alén disto, os fillos e fillas da Xeración Xabarín ficamos orfos cando crecemos. A TVG non soubo dar contidos para a mocidade, e os contidos interesantes para esta faixa de idade (series como Fringe Breaking Bad, actualmente en emisión) son maltratados na grella, postos a horas intempestivas, variando o seu horario de emisión ou non emitíndose nalgunhas ocasións sen previo aviso. E a produción propia orientada á mocidade... onde está? A xenial serie 4º sen ascensor nin sequera se chegou a emitir enteira na Galiza, só polos canais internacionais, e programas como Banda Curta duraron un suspiro e desapareceron sen deixar rastro.