5 razóns polas cales Sonic é mellor que Mario


O artigo 5 razóns polas cales Sonic é mellor que Mario foi publicado orixinalmente em Memoria Pixelada en 10 de marzo de 2013.



Todos sabemos que Sonic é mellor que Mario. É un feito. Sobra dicir nada máis. Aínda así, creo que é conveniente facer unha pequena listaxe para reafirmar a idea. Entón, aquí tendes, 5 razóns polas cales Sonic é mellor que Mario.

1. O nome


No caso de Sonic é simple: Sonic the Hedgehog. Sonic o Ourizo. Non ten máis. Simple e elegante.

No caso de Mario... cal é o seu nome? Só Mario? Super Mario? Mario Bros? Si, ben sei que Bros. é a abreviatura de brothers, irmáns, mais cóntalle iso á miña nai, que sempre que o ve di: "Mira o Mario Bros". E mesmo se aceptamos que o título fala dos irmáns Mario, referíndose a Mario e Luigi... significa iso acaso que Mario é o apelido dos dous irmáns? Iso é o que dicían no infame filme de 1993, onde os protagonistas eran Mario Mario e Luigi Mario. Patético.



2. O obxectivo


O obxectivo de Sonic é liberar Mobius da tiranía e opresión do malvado ditador Ivo Robotnik, alias Eggman. O tirano está a transformar todos os habitantes en robots, sen piedade, e Sonic é o libertador que logra acabar co seu imperio do terror. Inspirador.

Mario pretende salvar unha princesa, perpetrando o tópico machista de que as mulleres non se poden salvar elas mesmas e precisan dun heroe que as rescate. E sexamos sinceros, meu querido fontaneiro, se a túa princesa é raptada tantas veces e, casualmente, sempre está noutro castelo... se cadra é que non quere estar contigo. Non sei, é só unha idea...

3. Os inimigos


Sonic non agrede ningún ser vivo, limítase a destruír robots para liberar o animal que está retido dentro del. Non mata, libera. Matar non é o seu estilo.

Mario, pola contra, agrede sistematicamente pobres animais que non fan máis que deambular polo seu hábitat. Que mal fan os Goomba, pobres cogumelos con patas, que simplemente camiñan en liña recta até que son esmagados sen piedade por Mario? Iso sen falar da falta de escrúpulos que hai que ter para sacar unha pobre tartaruga da súa cuncha e usala como arma contra outros animais indefensos. E a todo isto hai que engadir o xeito en que maltrata os Yoshi, que se supón que son seus amigos, tirándoos de precipicios embaixo. A maldade de Mario non coñece límites.

4. Os power-up


No caso do Sonic estes power-up están ocultos en monitores. Algúns deles son os escudos que o protexen, a invencibilidade e as zapatillas para correr máis rápido. Son obxectos sinxelos que fan o que prometen, sen reviravoltas.

Os obxectos que ten o Mario van desde un cogumelo que che fai maior (xa me coñezo eu que cogumelos son estes) a unha flor que che permite lanzar bólas de lume (claro... ten toda a lóxica do mundo...) ou unha pluma que fai que apareza unha capa (Erro 404, coherencia not found). Non ten pés nin cabeza.

5. As transformacións


Cando reúne as 7 esmeraldas, Sonic vira un supersaián. Pasa de Sonic a Supersonic. Pode moverse a velocidades abraiantes, é invencíbel e mesmo pode voar polo espazo exterior sen sequera precisar de respirar.

As transformacións de Mario son... un mapache? Unha ra? Sobra dicir nada máis.



E ti, que opinas? Estás de acordo ou es fan incondicional de Mario? Fáinolo saber nos comentarios, ou no Facebook e Twitter.