Comeza a carreira polo .gal


O artigo Comeza a carreira polo .gal foi publicado orixinalmente no blogue de informática do Burgo das Nacións en 15 de xaneiro de 2012.


Os enderezos das páxinas web teñen diferentes dominios, isto é, as letriñas que aparecen despois do punto ao final, como o .com, .org ou .net. A corporación encargada de gobernar os dominios é a ICANN, e ten a palabra para decidir que dominios acepta e cales rexeita. Pois ben, a ICANN acaba de abrir o prazo para que se presenten candidaturas a novos dominios, e entre eles está o noso, o .gal, o dominio para a lingua e cultura galegas.

A asociación Puntogal leva desde 2006 sumando esforzos e conta actualmente con 12.370 apoios individuais (se queres podes asinar tu tamén) e 109 apoios institucionais, entre os que se encontran a RAG, a Xunta e as tres universidades públicas. Todo para estar o mellor preparados para este momento, en que temos que demostrar á ICANN que realmente queremos o .gal.

Unha vez sexan recibidas todas as candidaturas (non somos os únicos, hai moitos máis, como o .eus, o .bzh, o .africa, o .p2p...) a ICANN analizará a viabilidade e necesidade de cada unha delas. Este proceso leva entre doce e dezaoito meses, que se poden ampliar se fose precisa información suplementaria. No mellor dos casos abriríase o rexistro dos .gal a mediados de 2013.

Fonte | http://www.puntogal.org/actualidade/nova.php?id=452&lg=gal