Traducir software ao galego


O artigo Traducir software ao galego foi publicado orixinalmente no blogue de informática do Burgo das Nacións en 3 de outubro de 2011.


Este titorial está pensado para todos aqueles que queiran axudar á tradución de software e recursos informáticos á nosa lingua. Antes de nada, é preciso seguir un manual de localización. Axuda cos problemas máis comúns e vale para cohesionar as diferentes traducións usando un mesmo estilo. Recomendo o manual de Mancomún, que podes baixar na seguinte ligazón:

Tamén é boa cousa que visites os seguintes sitios para aprender un chisco sobre o tema das traducións.

http://www.trasno.net/ -> Portal de tradución de software libre, con moitos recursos para a tradución.
http://www.g11n.net/ -> Foro de tradutores de software ao galego.
http://www.mancomun.org/ -> Portal de software libre en galego.
http://www.imaxin.com/ -> Empresa galega de fabricación de software.

A seguir, unha lista de sitios onde podes colaborar traducindo dun xeito fácil e rápido:

TraduCIF (Ciberirmandade da Fala)

Desde a Ciberirmandade da Fala tradúcense varios recursos gratuítos, como por exemplo o phpBB3, o formato co que está feito este foro. Para colaborar non é preciso rexistro ningún, pero cómpre ter en conta que as traducións que fagas serán suxestións que serán revisadas, polo que non aparecerán inmediatamente.


Unha vez alí podes ir ao proxecto que queiras axudar a traducir (ten en conta que algúns están completos) ou podes darlle a cadeas sen traducir e traducir seguido todas as frases sen traducir de todos os proxectos.

Google no teu idioma

Moitos dos servizos de Google non contan aínda coa nosa lingua, polo que podes axudar a traducilos. Ten en conta que, aínda que gratuítos, os servizos de Google son propiedade privada dela e de código fechado. Como no caso da Ciberirmandade da Fala, as traducións non serán inmediatas, senón que terán que levar unha revisión e poden tardar moito até estar operativa (o GMail leva anos traducido e aínda non está implementado o galego). Neste caso, si que é preciso o rexistro (tes que ter unha conta de GMail).


Alí selecciona que servizo de Google queres traducir (mira nas porcentaxes canto lle falta a cada un) e na seguinte páxina dálle a "Translate new messages".

LaunchPad

Launchpad é unha aplicación e sitio web para o auxilio no desenvolvemento de software, particularmente software libre. É un proxecto desenvolvido e mantido por Canonical Ltd., famosa por ser a responsábel do sistema operativo Ubuntu GNU/Linux. Desde esa web podes traducir milleiros de programas, incluíndo o propio Ubuntu. Algúns deles están supervisados por grupos de tradución e só podes facer suxestións, mais hai proxectos nos que tes acceso libre. E, unha vez incluído o idioma, sairá o teu nome como tradutor no "Acerca de..." do programa!

Para acceder é preciso antes de nada rexistrarse na web http://www.launchpad.net . Só son uns minutos. Despois podes acceder ás traducións ou ao resto de servizos que ofrece a web, unirte aos grupos (como ao Ubuntu Galician Translators, mais é preciso demostrar a túa experiencia e profesionalidade nas traducións).

Para traducir vai a esta páxina: https://translations.launchpad.net/

Asegúrate de pór como lingua preferida o galego, para poder traducir a ese idioma, e outros idiomas se queres telos como axuda á tradución, pois as traducións serán sempre desde o inglés. Podes ver os sistemas operativos que podes traducir en "Translatable operating systems" (todos son versións de Ubuntu). Podes ver tamén os principais programas en "Translatable projects", e se dás onde pon "List all translatable projects..." verás a lista de todas as cousas que podes traducir. Ao comezo é algo caótico e custa afacerse, pero logo se lle colle o xeito.

Outros sitios

Existen outros sitios onde podes axudar a traducir de diversos modos. Por exemplo, a rede social Facebook é traducida por voluntarios, se tes unha conta podes ir aquí para colaborar: