Últimas novas


O artigo Últimas novas foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 12 de setembro de 2011.


Estamos a piques de comezar o novo ano (2º xa comeza mañá) e continúan a chegar novas importantes para este ano:

  • O número de créditos para pasar de ciclo pasou de 75% a 50%. É dicir, para poder matricularse en materias do segundo ciclo é preciso ter aprobados 104,5 créditos troncais (antes eran 156).
  •  Para as materias en proceso de extinción sen dereito a docencia, dispomos de 4 convocatorias en 2 anos (isto é, o primeiro ano en que non hai docencia e o seguinte). Temos dereito a esas 4 convocatorias sen importar o número de convocatorias que xa teñamos realizadas (é dicir, aínda que xa esteamos na sexta convocatoria, podemos ir ás 4 convocatorias na mesma). Á parte, a convocatoria de setembro dará dereito a dúas oportunidades de exame, o exame ordinario mais un exame de recuperación para os que suspendan o exame ordinario. No caso de suspender o exame ordinario e aprobar na recuperación, a cualificación desa convocatoria será a da recuperación. O calendario de recuperacións ha de fixarse durante o que resta de 2011 e ha de facerse contando co criterio dos delegados.
  • No próximo día 20 de setembro haberá unha reunión de delegados co vicedecano da docencia clínica (prof. Carreira) para organizar os grupos e o calendario exacto de prácticas en todos os hospitais acreditados. A partir desa data han de coñecerse todos os datos e datas das prácticas.
  • A USC decidiu suspender o servizo de bus gratuíto para as prácticas na Coruña e Vigo alegando a súa baixa utilización. Contra o que algúns medios din que dixo o sr. Decano, queremos deixar claro que esa foi unha decisión unilateral que en ningún momento contou co apoio nin coñecemento dos representantes de estudantes. Os representantes de estudantes, conforme ao votado por todo o estudantado na asemblea, solicitamos unha mellora do transporte e dos seus horarios, adecuándoo ás necesidades dos estudantes. E non só non se mellorou o servizo como pediamos, senón que foi eliminado. Os representantes de estudantes estamos indignados ao sabermos da nova pola prensa e agardamos ter proximamente unha aclaración por parte da equipa decanal e/ou reitoral.