Resumo da reunión da descentralización


O artigo Resumo da reunión da descentralización foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 22 de xullo de 2011.


Na reunión que tivo lugar esta tarde con parte da equipa decanal, estaban presentes todos os membros da mesma e tres representantes de estudantes: Anduriña López (3º curso), Adrián Mosquera (4º curso) e Montse Fdez. (5º curso). Estes tres estudantes pasaron a formar parte da Comisión de Descentralización debido aá excepcionalidade de que había que proseguir coas negociacións durante este período non lectivo e ante a imposibilidade de asistiren o resto dos membros ou outros representantes da Xunta de Facultade.

Nesta reunión negociouse o acordo dos compañeiros que estarán descentralizados durante o curso 2011-2012. Os puntos que se trataron son os indicados a seguir:

1. A selección dos compañeiros que estarán descentralizados no próximo ano farase na seguinte orde:
  • Voluntarios. O número destes é insuficiente para cubrir as prazas exixidas para o CHUAC e o CHUVI (50 por complexo hospitalar e curso). Por tanto, as prazas restantes serán repartidas entre xente que non se ofreceu voluntaria (é dicir, obrigados) conforme os seguintes puntos.
  • Compañeiros que cheguen a Santiago a través dun intercambio. Destes, escolleranse primeiro as persoas que só vaian a realizar materias clínicas, e a seguir iranse escollendo segundo teñan de menos a máis carga teórica.
  • Compañeiros con domicilio familiar nas cidades da Coruña e Vigo (Só no caso de non se encheren as prazas cos dous puntos anteriores). No caso de non chegaren nin con estes, teranse en conta os concellos próximos que gocen dun bo sistema de transporte ás urbes que facilite a dispoñibilidade para se descentralizar.

2. A respecto do sistema de transporte para a descentralización ás cidades de Vigo e A Coruña (isto é, os buses de Santiago ás cidades), até agora non hai noticias por parte do reitorado.

3. A respecto dos voluntarios descentralizados ás cidades de Lugo e Ourense, non houbo ningún matiz, descentralizándose unicamente os voluntarios.

4. Elimínase o acordo proposto nas negociacións de hai dous anos de que os compañeiros que estén descentralizados durante un ano terían o dereito de facer as prácticas clínicas en Santiago durante o seguinte. É dicir, se fuches descentralizado obrigado un ano podes repetir outro máis.

En resumo, a proposta estudantil inicial (modelo C) foi ignorada e teremos o mesmo sistema de hai dous anos mais sen buses. As protestas que fixemos os estudantes foron insuficientes e ao final non logramos o sistema polo que loitabamos. Máis un ano, continuará a haber estudantes que vaian obrigados.