Descentralización e paso a Grao


O artigo Descentralización e paso a Grao foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 11 de xullo de 2011.


O pouco que puidemos saber sobre descentralización e paso a grao é:

- Xa están dispoñibles na web da facultade as pasarelas que se ofertan para aqueles que desexen pasarse a grao. Basicamente consisten en que o próximo ano os interesados poderán escoller, alén das materias do seu ano, algunha de cursos superiores para poder así adaptar o seu currículo de materias co equivalente do Grao e pasar a Grao no seguinte ano.

- O modelo a seguir o próximo ano é o actual (mensual) e descoñecemos até que punto realmente se tentou desde o decanato cadrar as aulas a horarios para poder establecer a aposta estudantil (o modelo C).

- Os hospitais en que se poderán facer prácticas o próximo curso serán os de Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo e estarán organizadas pola facultade e o centro. O decanato ten un compromiso coa Xunta de que non se farán prácticas extraoficiais en ningún outro hospital.

- Polo momento desde o decanato non nos dan información sobre o transporte en autobús á Coruña e a Vigo, pois din non ter novas do reitorado, que é desde onde se realizan as xestións (tampouco sabemos se realmente se interesaron polo tema...).

- O número de voluntarios non chega aos 50 necesarios en ningún curso (aínda que o número é flexíbel) polo que, pese ao falado previamente cando os representantes de estudantes advertimos de que isto iría acontecer se non se implantaba o modelo C, fíxose caso omiso das nosas advertencias de que non queriamos estudantes obrigados. O decanato formula a necesidade de facer un sorteo ou de estabelecer un sistema para "asignar" (é dicir, obrigar) as prazas sobrantes até un total de 30-50 (nunca se nos di un número exacto...).

Todo o exposto anteriormente será aprobado nunha Xunta de facultade a celebrar o próximo venres 15 de xullo ás 13:00 no salón de actos da facultade, polo que pregamos a asistencia de todos os representantes de estudantes.

Tamén se algún outro estudante desexa asistir como ouvinte pode dirixirse ao decanato da facultade ou a algún dos membros da equipa decanal e solicitalo.

Sentimos que a situación sexa a que é, fixemos todo o que puidemos e sempre fomos moi claros transmitindo as peticións básicas dos compañeiros. Mais pese ás presións colectivas e ás nosas advertencias de que o que se nos ofrecía non facía mais que empeorar a situación dos estudantes, desde a facultade continúase a actuar de costas ao estudantado coa tolerancia do reitorado. A estas alturas, rematado o curso e con todos dispersos nas súas casas, os representantes de estudantes temos pouco máis que facer que votar na Xunta de Facultade, onde somos minoría e apenas contamos con apoio de algúns profesores que se preocupan por coñecer e mellorar a nosa situación.

Saudiña!