Novidades acerca da descentralización e outros


O artigo Novidades acerca da descentralización e outros foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 3 de maio de 2011.


DESCENTRALIZACIÓN 4º

Hoxe (3 de maio) de mañá algúns representantes de estudantes reuníronse co decano para aclarar o asunto da descentralización para o ano que ven. Mañá (4 de maio) farán o propio co reitor. E pasadomañá (5 de maio) voltarán a se reunir co decano.

Como consecuencia destas reunións, o decano accedeu a explicar a súa "nova" proposta nunha asemblea aberta para o estudantado de 2º e 3º. Logo:

ASEMBLEA ABERTA co DECANO
Quinta feira (xoves), 5 de maio
ás 19h30 na facultade de Medicina


A proposta que vai presentar é relativamente nova. Trátase dunha asequilibización da proposta que falamos na asemblea pasada. Así, agora propoñen que os estudantes dos actuais 2º e 3º non teñan prácticas até chegaren a 6º, mais ficando na licenciatura. Isto é, concentrarían as materias teóricas entre 4º e 5º, e deixarían as clínicas para 6º. Á parte, estes estudantes, ao acabaren 5º terían a opción de rematar como licenciados ou como grao+máster sen perder nin ter que repetir nada (a diferenza sería o traballo de fin de grao, que uns terían que facer e outros non).

Tamén estudan unha variación disto, que deixaría algunha materia teórica para 6º de modo que non se saturase tanto a teoría de 4º e 5º. En troca, con isto os estudantes perderían a opción de acabaren como grao+máster. Ollo, esta é só unha opción que han de estudar, non a proposta principal.

E este sistema non contraria o plano de estudos e é perfectamente factíbel, xa que só variaría a orde en que se matricular das materias e os horarios de impartir as materias.

DESCENTRALIZACIÓN 5º E 6º

Para 5º e 6º do próximo ano agárdase á resolución do tema para 4º. No caso de se aprobar a proposta decanal, formularíamos a opción de que só se descentralizasen os voluntarios.

OUTROS TEMAS

- A proposta da Facultade e da Universidade para o próximo ano é que as prazas de novo ingreso se reduzan a 300. Falta o visto e prace da Xunta de Galiza.
- Xa foi aprobada a concesión de 7,5 créditos de libre por cada período de prácticas de verán. Non obstante, non se puido modificar o tope de 15 créditos por prácticas no total da carreira, pois isto está blindado polo noso actual plano de estudos. Alén disto, espérase que o Servizo Galego de Saúde envíe a proposta de prazas a escoller para este verán.
- Na Xunta de Facultade pediuse a instalación de máis enchufes nas salas de aulas. Grazas á disposición e ofrecemento dos bedeis, farase o antes posíbel.
- Nesta Xunta de Facultade tamén se fixo unha queixa pola falta de prácticas de Farmacoloxía debida ao atraso no acondicionamento dos laboratorios.


E isto é todo por hoxe, saudiña!