Conclusións da reunión co decano e o comisionado


O artigo Vandalismo na aula de Xinecoloxía foi publicado orixinalmente no blogue da Asemblea Libre de Estudantes de Medicina (ALEM) en 13 de maio de 2011.


Como consecuencia inmediata da manifestación do día 11, hoxe tivo lugar a reunión do estudantado de Medicina co prof. Gestal (decano) e o prof. Macía (comisionado de ciencias da saúde da USC). Antes de máis, agradecer a todos os estudantes que fosen á reunión mesmo sendo nunha sexta feira (venres) á tarde, véspera dunha ponte e cun exame adiantado na segunda feira (luns).

POSICIÓN DO REITORADO

O reitorado, por boca do prof. Macía, mostrouse favorábel ao modelo C. En primeiro lugar dixo que a principal vantaxe sería o aforro económico, pois co modelo C o período de contratación dos buses sería menor. Isto é porque o último mes antes de cada época de exames todo o estudantado fica en Santiago, e ese tempo non teñen que pagar os buses. Non obstante marcou tres eivas fundamentais: a dificultade organizativa, a escaseza de salas de aulas e a negativa de Vigo e A Coruña.

Acerca dos buses, Macía dixo que habería, mais que non estaba certo de se sería o reitorado quen o financiaría. Alegando o mal estado das contas da Universidade, dixo que o gasto completo era inasumíbel para o reitorado, lanzando a bóla ao decanato, quen tampouco se mostrou moi disposto a correr co gasto.

Finalmente, a conclusión a que chegou foi que desde o reitorado son favorábeis ao modelo C sempre que poidan ter flexibilidade para resolver o inconveniente do espazo limitado para dar a teoría. E no caso de non poder ser viábel o modelo C continuaríase co modelo actual, tentando que fosen apenas os voluntarios ou un mínimo número de xente á que non lle importase. Os criterios de descentralización serían estudados máis adiante se se der este caso.

"Estamos estudiando los inconvenientes del modelo C e intentaremos instaurarlo. En caso de que no fuese viable se seguiría con el modelo actual" Prof. Macía

Tamén se deu un dato importante, e é que para o ano tamén se abren os complexos hospitalares de Lugo e Ourense para as prácticas. Deste xeito, os voluntarios poden escoller entre Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña para realizaren as prácticas todo o ano. No entanto, os non-voluntarios só irían á Coruña ou a Vigo, e os buses só irían a eses dous sitios. E será imposíbel realizar as prácticas en calquera outro hospital fóra destes, nin sequera de xeito fantasma como se viña facendo.

Falou de que o máximo de estudantes que son viábeis no complexo hospitalar de Santiago de Compostela son 250 por curso. Se se conseguise que só indo os voluntarios fóra se chegase a ese número en Santiago, o resto non terían que ser descentralizados. Tamén se falou de que o número máximo que aceptan Vigo e A Coruña son 50 por curso, e Lugo e Ourense 30 por curso. Non habería un mínimo obrigatorio en cada hospital, sempre que se chegase a que houbese menos de 250 estudantes por curso en Santiago.

Pediu tamén que os representantes de estudantes fixesen un inquérito ao estudantado para ver o número de voluntarios que habería para o ano. Isto realizarase na semana que vén, onde previsibelmente se repartirán cuestionarios para que a xente responda se iría descentralizada ou non, a que destino e baixo que condicións (só co modelo C, só se houber buses...).

E, a respecto de Boloña, Macía insistiu en que desde a reitoría nin poden nin queren obrigar a ninguén a pasar ao grao. De feito, no reitorado non manexan esa opción.

POSICIÓN DO DECANATO

O prof. Gestal, decano da facultade de Medicina, dixo en primeiro lugar que se reuniría na segunda feira (luns) cos representantes de estudantes para facer o inquérito que mostre o número de voluntarios para o ano.

Na súa intervención, reiterou a idea de querer pasar os estudantes ao grao. Dixo que quería dar a opción a quen así o desexar, e que se reuniría con todos os cursos para expor a súa idea. A proposta é que os estudantes que están en 4º fagan un 5º de grao, cos 60 créditos ECTS precisos para a bolsa do Ministerio, onde se condensase a teoría de 5º e 6º. Así, no seu 6º ano, terían apenas práctica. E dixo que estudarían dar a opción tamén ao actual 3º, que podería pasar de xeito opcional a un 4º de grao, aínda que neste caso non explicou como irían cadrar os créditos para a bolsa do ministerio.

Explicou que este paso a grao sería voluntario e para aqueles estudantes que quixesen, facendo un grupo á parte. Porén, non observou que o número de voluntarios a pasar non chegaría ao mínimo suficiente para facer un grupo separado, que os horarios serían moi difíciles de compaxinar e que deste xeito non se chegará a desconxestionar o suficiente o hospital como para deter a descentralización. O decano ten a idea de que o paso a Boloña sería amplamente aceptado polo estudantado, a pesar de expresarlle reiteradamente que non é así.

Polo resto, non falou nada de estar a favor ou contra o modelo C, limitouse a teimar na idea de pasar ao grao.

CONCLUSIÓN

O reitorado está a favor do modelo C, mais dentro dese modelo quere mirar pola opción máis económica para eles, dado o actual estado económico da USC. A Xunta teima en querer mandar xente a Vigo e á Coruña, cousa apoiada polas respectivas Universidades e os dirixentes de ambas as cidades, que o usan como arma política. E o decanato mantense indeterminado, no limbo, teimando nun paso a Boloña que ninguén quere.

Resta entón esperar á realización e resultado dese inquérito para saber o número de voluntarios e ver cal será a posición final do decanato. Até a semana non hai nada firme, mais isto ten boa traza.

Continuaremos a informar!